Loading...
12.3.15

O libro dun Premio Nobel


Hai elementos que se converten en talismáns ou refuxios fronte a canto nos resulta agresivo e ese é o recurso que ten Catherine Certitude. Catherine vive en París cun pai (a nai marchou a Nova York) algo chafalleiro e iso tróxuolle problemas dos que o librou grazas á axuda dun amigo, algo entrometido, que se converteu en socio da súa empresa en pago ao favor. A Catherine encántalle bailar, para iso asiste á clase cunha suposta profesora de ballet rusa. Catherine irá descubrindo cousas que non lle gustan, das que consegue evadirse quitando os lentes. Pero tamén coñecerá amigas dispostas a todo para tela preto.
Catherine comparte cousas do pai (as gafas como válvula de escape) e coa nai (adora o baile). Aínda que ás veces a historia parece querer ir por un camiño, o remate resulta lixeiramente inesperado.
Catherine é unha historia ben sinxela, escrita con oficio e que se le con pracer, en parte grazas ás ilustracións de Sempé. Fronte a outros libros de escritores "para adultos" que cando o fan para nenos soan falsos, Modiano sabe escribir para nenos.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP