Loading...
16.2.15

Fronteiras


Quizais sexa pola falla dunha tradición cultural que neste país resulta difícil establecer en determinados casos se un libro é para nenos. Hai anos, a publicación de  Emigrantes foi un acontecemento tal, que moitos consideraron que era un libro infantil porque o publicaba unha editorial que se sitúa na esfeira do infantil. Ademais tiña un formato que os nosos compradores adultos consideran exclusivo de nenos, e por se isto fose pouco, era ilustrado.

Creo que non hai unha receita para determinar cando un libro é infantil. Poderiamos aplicar aquilo de que un libro é de quen o le. E aínda que ás veces é certo, sempre me vén á memoria o exemplo de Alicia no País das Marabillas. Non quero sementar discordias, e moito menos cuestionar o valor de Lewis Carroll, pero non creo que Alicia estea ao alcance da meirande parte dos lectores infantiles e de moitos adultos. Na miña limitación comecei a comprender e valorar este libro cando lin a edición anotada de Martin Gardner publicada agora pola editorial Akal. Para non meternos en terreos onde poidamos esvarar, pensemos noutro caso que considero aínda máis paradigmático que o de Alicia. Falo de "La historia del tiempo" de Stephen Hawking, que alá polos finais dos oitenta, se a memoria non me engana (cousa ben doada), foi todo un bestseller, cousa aínda máis estraña por canto era un libro científico, dunha área tan descoñecida como a astrofísica. E sen embargo foi o libro máis vendido durante semanas nas librerías. Cantos compradores leron o libro? Iso é fariña doutro costal.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP