Loading...
9.12.14

Tarzán de goma ou a dificultade de ser neno

Por segunda vez publícase en galego esta obra de Ole Lund Kirkegaard Tarzán de goma. A edición de Xerais non tivo a difusión que potencialmente se lle podería atribuír, non sei moi ben se por razóns de tipo comercial, de falla de madurez do mercado... pero a cousa é que chegou e foise. Agora Sushi Books volve publicala cunha boa tradución de Moisés Barcia, e o de boa debe interpretarse polo meu coñecemento do orixinal, cousa que desgraciadamente non teño, pero si pola sonoridade que a súa lectura me provoca. Canda el teñen xa publicados outros libros do mesmo autor como o ben coñecido Otto é un rinoceronte ou Orla Tragarrás. Buscaremos tempo noutra ocasión para falar da serie Os Mumin que tamén apareceron no catálogo desta editorial canguesa.
Esta edición evoca a edición primeira na colección cadrada de Alfaguara, polo formato, se ben as súas dimensións son maiores e o coidado posto nos detalles algo diferente.
Tarzán de goma retrata a crueldade do mundo dos nenos e as dificultades que teñen que superar para atravesar a vida aqueles que non responden ao estandar de neno que se establece, e canto máis feble de carácter é un, máis crueldade debe superar. Isto, chapicado con pingas de humor notable, é o que Iván Olsen debe pasar todos os días, soportar como lle meten auga polos pantalóns, como é a diana de burlas constantes dos rapaces maiores. A axilidade con que está escrito, cunha estrutura basada en pequenos capítulos e ese recurso ás situacións humorísticas, aportan un gran atractivo a un libro, que quizais polo desenvolvemento da historia está condenada a un remate previsible, as cousas tiñan que volver ao seu estado habitual, porque así é a vida, os milagres son escasos e máis abundantes nas malas películas americanas.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP