Loading...
22.12.14

Prexuízos e enganos

A primeira idea que me asaltou cando vin a portada deste libro foi absolutamente negativa e simultaneamente xurdiu unha pregunta inevitable, para que raios quere un neno de 2 ou 3 anos unha Ana Karenina ou unha Alicia no País das Marabillas? Pero o visionado das páxinas esnaquizou os meus prexuízos porque o que fan Jenifer Adams e Alison Oliver non é unha versión das novelas, intento que sería unha tolería absoluta, senón un aproveitamento dos personaxes para construír un "relato" que non ten nada que ver coas grandes novelas que os orixinaron e si coa transmisión de conceptos básicos. Así, neste Alicia en el País de las Marabillas que quero compartir temos unha simple enumeración de personaxes e obxectos  cos seus atributos de cor:
Coello branco
Zapatos negros...
Paralelamente van desfilando os personaxes do Coelliño Branco, o sombrereiro tolo, a Raíña de Corazóns e outros personaxes da Alicia debuxados con gran sinxeleza e sobre fondos de tonalidades cambiantes nos que sempre se poden atopar diversos elementos e mensaxes, e nos que cómpre facer sempre un esforzo de diferenciación co fondo, especialmente na páxina do gato laranxa.
Tres títulos máis compoñen esta serie: O xa citado Ana Karenina (Ao meu ver, este non está ben axustado á idade presumible de lectura destes libros, cunha construción sintáctica totalmente desequilibrada), Frankenstein (As partes do corpo son o motivo) e Drácula (no que os números son o elemento de enganche). 
A unha estética de cores, trazos e texturas modernas únese unha composición básica que facilita a lectura visual.
Jenifer Adams é, se facemos caso do que a editorial Coco Books conta sobre ela, un personaxe curioso. Tras graduarse en Literatura inglesa, exerceu durante 15 anos de editora; actualmente traballa ideando libros e polas tardes exerce como libreira. Pola súa banda Alison Oliver traballa dende o seu propio estudo de deseño centrada no deseño publicitario, a ilustración e a pintura.
Ademais dos catro libros que agora publica Coco books, teñen varios títulos máis entre os que se poden atopar Romeo e Xulieta ou O libro da selva. Ben se ve que atoparon unha fórmula que lles funcionou e por aí seguiron, aínda que Alison Oliver ten outros libros ilustrados e Paralelamente hai aplicacións para sobre algúns dos títulos.


0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP