Loading...
1.11.14

A evolución de Calpurnia Tate


É difícil atopar libros xuvenís escritos na actualidade que non sexan repetición de lecturas xa realizadas, que non pertenzan ao grupo de libros propedéuticos (libros de autoaxuda ou de axuda aos pais e mestres para falar aos raparigos de todo o que lles gustaría dicir pero que deben recorrer á voz indirecta do libro para facelo, libros para preparalos á asunción do desamor). Todo isto sempre existiu, pero a diferenza entre eses libros e este, e algúns outros, é que non ten como finalidade ensinar, con todo fano porque falan dunha parte da vida ou da vida con maiúsculas...
Calpurnia é unha nena de 11 anos que ocupa un lugar intermedio no grupo familiar, con tres irmáns homes maiores que ela e outros tantos menores. Por suposto que están os pais. A nai procedente dunha familia con poucos recursos económicos. Quizá por iso, imponse unha serie de esixencias na formación dos seus fillos. Así os raparigos máis novos teñen as súas clases de piano e viaxan a Austin, capital do estado, para asistir a concertos de música clásica... Seguidora das convencións sociais cos ollos pechados, trata de satisfacer a espectativas que se supon han cumprir as persoas da súa clase social, que por suposto son diferentes para os nenos que para as nenas. Ela trata de impór o seu criterio -cousa que consegue con certa facilidade- sobre un pai apático, con moi pouca presenza na novela, herdeiro dun rico imperio forxado polo avó, personaxe do que falarei máis tarde. A loita xorda entre a nai e o avó librepensador, que aparentemente nin aproba nin desaproba esa educación conservadora, pero que nos momentos importantes sempre propicia que as accións de Calpurnia sexan froito dunha reflexión e que se amosa disposto a achegarlle apoio ideolóxico para conformar a súa personalidade. 
O avó, a pesar da súa idade, é un home do mundo novo que a tecnoloxía comeza a abrir. A súa vida é o estudo e observación da natureza, mantendo unha relación distante coa familia. En moitas pasaxes os irmáns de Calpurnia falan del como dun descoñecido e sorpréndense da relación que se estableceu entre ambos os dous.
Calpurnia é unha nena curiosa, que se fai preguntas e busca respostas. É aí onde descubrirá a un avó descoñecido, que vive refuxiado no seu laboratorio e as súas lecturas. A negativa da bibliotecaria a prestarlle un exemplar da evolución das especies de Darwin propicia o descubrimento mutuo entre avó e neta, de xeito que será el quen lle ofreza o seu (Por certo que Calpurnia apenas entende o libro).
A tensión entre nai e avó adivíñase, pero será o incoformismo de Calpurnia, a súa negativa a aceptar certas convencións (As mulleres deben ser mestras, a negativa a porse no mercado para atopar un mozo casadeiro ou a máis infantil de non comprender como os seus irmáns poden recibir un salario por realizar axudas durante a época de colleita do algodón e ela non). Paréceme magnífica a escritura do diálogo de xordos entre nai e filla cando trantan de convencerse mutuamente do equivocada que está a outra.
Nalgún momento apúntase a relación entre o avó e o predicador da súa igrexa, pero un encontro que podería dar para certas contraposicións entre creacionismo e evolución non se produce nunca. 
Nesta loita muda, Calpurnia vai dando pasos. Primeiro a atreverse a pensar que o que o futuro que a súa nai lle está preparando non lle gusta. Despois a elaborar en positivo. Decidir o que de verdade lle gustaría ser. E finalmente atreverse a dicilo. Nese proceso, o avó é o que lle provoca as dúbidas que ao final a levarán a crecer intelectualmente e como persoa. Aplicará en pensamento científico non só ao estudo dos animais, senón á súa propia vida.
O libro contén elementos de intriga (O proceso de descubrimento dunha nova especie de planta e a espera polo recoñecemento), de aventura (as incursións de Calpurnia no río, a procura de especies), amorosos (Tres dos seus irmáns namóranse simultaneamente dunha amiga súa e como oculta o que cada un sente aos demais)... Como as boas novelas clásicas.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP