Loading...
15.10.14

Romance


Romance é un libro difícil de clasificar. Ao abrilo un parece que está a ver un dicionario visual. Substantivos e máis substantivos coa súa correspondente ilustración. E eses substantivos repítense cada certo tempo. Ao principio de algo que un cre capítulos, logo verase que non o son, hai un texto insubstancial:

O reloxo da escola está parado... (pax. 1)

Ademais, esteticamente non é un libro de fácil dixestión. Ten ese aire de cómic de trazo perfilado, cores planas e tramadas, con moi pouco detalle, case esquemático. 

Pero se un le ese texto que a modo de prólogo explica o que é un romance, atopará unha pista do que o autor está a contar; unha viaxe de volta a casa ao rematar a escola.
Comezamos a lectura e imos descubrindo que hai unha secuencia narrativa, a escola, o camiño e a casa. O seguinte capítulo contén outro texto que nos vai ampliando o horizonte no que nos movemos, hai unha visión vertical: o ceo, os tellados... Arredor temos un bosque e a súa sombra que nos envolve; pero seguidamente volvemos atoparnos cos elementos xa coñecidos: o camiño e a casa. Paralelamente a ilustración amplíase con novos elementos que se intercalan entre os xa coñecidos. E este esquema vaise repetindo ao longo do libro, á vez que introduce novas formas de presentar os elementos, nos que adiviñamos un simbolismo, ou polo menos eu léoo así ( o texto investido, as letras ondulantes...). 

Agora paréceme ver con claridade que o que antes dicía que eran aparentemente capítulos, non son máis que as estrofas dos romances ou eses textos infantís acumulativos. Contén os elementos prototípicos dos contos infantís: un bosque, unha bruxa, unha raíña, un sortilexio, un castelo, un tesouro, unha viaxe, unha loita, unha vitoria e un amencer feliz

É evidente que estamos ante un libro inacabado, porque o lector non pode abandonarse á espera de que o libro lle conte unha historia, é el quen debe completar o libro para que a historia exista. Por iso interésame, porque o libro lánzase desesperadamente á busca dun lector activo. Unha invitación que se fai máis evidente cando o lector debe imaxinar a palabra que falta no pé dalgunhas ilustracións.

Para saber máis sobre o seu autor: Blexbolex.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP