Loading...
11.9.14

O homiño vestido de gris

Despois dun longo verán, non tanto no sentido meteorolóxico como no vacacional, volvemos coa novidade que abre un curso que vai ser fecundo por canto agardamos a publicación da terceiro libro da triloxía de Sendak (Outside Over There) e o resto de títulos deste autor que Kalandraka anunciou na primavera pasada.
Dous grandes autores ten a literatura infantil en castelán aceptados case unanimente. Pequenos matices podemos atopar entre quen defende máis a un que ao outro, pero en xeral todo o mundo está de acordo en que o conxunto da obra de ambos os dous é moi destacable. Falamos de Juan Farias e de Fernando Alonso. Precisamente de Juan Farias acabo de reler un esquecido Ronda de astros que me pareceu sublime, un auténtico gozo lector. Pero hoxe ocúpanos Fernando Alonso porque Kalandraka acaba de publicar o seu homiño vestido de gris, ilustrado polo tamén falecido Ulises Wensell, un dos pioneiros da ilustración infantil na España dos anos oitenta e inxustamente esquecido a partir dos noventa.
Fernando Alonso é dos autores en castelán que tivemos a fortuna de poder ler en galego, pois moitos dos seus títulos foron traducidos (Lembro a edición de O homiño de papel debida a Everest ou O faro do vento no Trasno verde de Anaya). Este conxunto de relatos é sorprendente, inquietante e un combate contra a soedade, a intolerancia e o egoísmo non exento dunha escritura directa, sen artificios. Parécese ao libro que a todos nos gustaría escribir.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP