Loading...
25.6.14

Los muchachos de la calle Pál


Un grupo de raparigos se reunen para vivir aventuras nun solar da súa rúa que comparten cun serradoiro no que constitúen a súa pequena patria. As torres de madeira a secar permítenlles converter ese espazo nun universo imaxinario, fortalezas militares, no que o xogo é un símbolo da vida do seu tempo convulso. No inicio do capítulo 2, Molnar describe mediante unha comparación co horizonte dos nenos da chaira húngara, o que supuña na súa infancia en Budapest un simple solar. Primeiro elemento necesario, o territorio. Esas torres permitiranlles defenderse dos rapaces do xardín botánico. Aquí temos o segundo elemento da tensión narrativa, o inimigo. Principios do século XX, o imperio austro-húngaro atópase sometido a innumerables tensións internas e nas súas relacións internacionais, e eses raparigos organízanse como o ven no seu mundo, cunha ríxida estrutura militar e adoptan uniformes e símbolos para diferenciarse dos outros. O xeneral é o máis apto para dirixir o combate, o máis valente e aquel ao que todos obedecen e admiran. Mesmo ten un modelo, Napoleón Bonaparte.

Ferenc Molnar.
O terceiro elemento que o autor nos coloca á vista é a extracción social dos contendentes, os do Xardín Botánico son os nenos ricos e os da rúa Pál, os pobres. Até o punto que os ricos utilizan o seu "riqueza" para realizar subornos e tratar de conseguir polo torto o que non conseguen polo dereito.

Pero toda batalla precisa un motivo, o que proporciona a falta dun lugar para xogar ao balón ou a un xogo que eles chaman meta. E se non temos un sitio no mundo, teremos que buscalo aínda que sexa á conta doutros. 
Unha vez creadas as circunstancias para a aparición do drama, só é cuestión de mesturalos adecuadamente, dosificalos e a base da historia está creada.
O transcurso dos sucesos vai transformando aos personaxes. O que ninguén valoraba, convértese nun heroe. Aquel en o que o xeneral confiaba convértese nun traidor. O que era honorable na batalla, non dubida en utilizar malas artes cando o éxito periga. Só unha cousa permanece inmutable, uns mandan e outros obedecen.

Escultura dos protagonistas da novela.
Para Molnar, que desde os 18 anos traballou como xornalista, e que cubriu a I Guerra Mundial, a descrición da batalla, as estratexias militares do pequeno xeral Boka, o xefe dos da rúa Pál, son unha oportunidade para recrearse na descrición dos movementos das "tropas", das tácticas militares e faino con gran minuciosidade.
O ton melodramático dalgunhas esceas corren o risco de provocar no lector de hoxe certo distanciamento. Esta novela fala dun tempo que xa non existe, duns valores que xa non nos parecen visibles, algúns mesmo que hoxe nos parecerían reaccionarios.
É unha novela para mociños, para esa idade na que o social prevalece sobre o individual, onde o grupo ten maior importancia ca o individual, e iso reflícteo moi ben o personaxe de Nemecsek.
Múvesz Kahanaz en Budapest.
Esta novela é un clásico da literatura húngara e constitúe unha desas obras que enlazan a unhas xeracións con outras. Ata o punto que existe unha versión cinematográfica realizada en 1969 por Zoltan Fabri.
O narrador non é obxectivo, manobra en todo momento para situar ao lector ao lado dos rapaces da rúa Pál, porque Molnar non podía facer outra cousa pois nos fala de si mesmo, da súa infancia e dos seus amigos: "Os rapaces da rúa Pál é o libro ao que máis agarimo lle teño; publiqueino por partes a o longo de 1906 nos folletíns dunha revista para mozos editado polo meu vello profesor, o doutor Kornél Rupp. Naqueles tempos, por suposto, eu non era considerado un escritor de peso, por iso escribía a intres polas tardes na galería do Café Muvész do Gran Bulevar. O caixeiro mantíñame baixo a súa estrita vixilancia e case me arrincaba das mans as follas manuscritas. Gustábame traballar na galería polo silencio que reinaba alí, pois á parte do habitual bulicio do café e o incansable son dunha banda militar nada me molestaba. Nese tranquilo lugar lembraba a miña infancia, cando aínda estudaba no Liceo Reformado da rúa Lónyay e existía o terreo na rúa Pál, como un soño. Aínda que a novela é produto da miña fantasía, os seus personaxes existiron. Eran os meus compañeiros de escola, dos que dous seguen sendo moi amigos meus: o debuxante Jen Feiks e o escritor Árpád Pásztor."

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP