Loading...
9.6.14

Búfalo Bill romance



Que se espera dun libro que se titula Búfalo Bill romance?

No prólogo do libro relátanse as fraudes e enganos de Phineas Taylor Barnum (1810-1891) que puxo á vista dos espectadores todo un catálogo de enxendros cos que mantivo longos anos os seus espectáculos. Descubertas as súas patrañas nos Estados Unidos, decide embarcarse para Europa, chegando a Londres onde a mesma raíña Victoria ou o tsar Alexandre III asistiron e deron soporte aos seus espectáculos. Algo similar parece sucederlle a un coa lectura deste libro. Un espera atoparse coas andanzas deste personaxe da época da colonización do Oeste americano. E en principio iso parece ser porque no tres primeiros capítulos e parte do cuarto, os personaxes que formaron parte da troupe de Cody son os protagonistas do relato, pero a partir de aí desaparece ata que volvemos atopalo no epílogo.

A troupe do Wild West

Pero que ninguén queira ver no comentario anterior un sinal de desencanto, máis ben ao contrario. O lector pode realizar grazas a Búfalo Bill romance unha viaxe polo saber. Un tema ou un personaxe non son máis que unha porta que se nos abre para atoparnos con novos elementos que van iluminando unha época e permítennos penetrar en novos saberes e novos aspectos de realidades históricas xa coñecidas. Grazas ás notas a pé de páxina, que pode parecer nun primeiro que distraen a lectura porque o editor decidiu que tivesen o mesmo tamaño que o texto. Pero son tan necesarias que acabamos agradecendo a súa presencia. A parte de que o feito de que estean impresas cunha tinta distinta ao corpo do texto resulta moi cómodo.
Neste sentido, paréceme iluminador a parte que se refire a Gustave Eiffel e a súa empresa de enxeñería. Canta distancia dos Calatravas e outras especies! Os encargos que se lle facía a Eiffel et Cíe non eran polo feito de que unha obra de Eiffel dese prestixio a unha cidade, senón porque o equipo de enxeñeiros da empresa achegaba solucións imposibles con outros materiais, de forma que obras que doutra maneira serían imposibles, con eles podían realizarse.
Contrución da Torre Eiffel para a Exposición Universal de 1889


Este libro é como unha especie de viaxe polo saber, de modo que o descubrimento da xira europea do circo de Cody lévanos á Torre Eiffel,  sobrevivinte á memoria do acontecemento para o que foi creado; a intravida da Torre, as súas peripecias para sobrevivir e, inexorablemente, á obra do seu creador, ou mellor dito da vangardista empresa de enxeñaría que fundou. A medida que imos profundizando. sentimos a necesidade de coñecer cousas que se nos insinúan. Así, da torre Eiffel imos ao encanto que provocou en moitos artistas das vangardas. A influencia que exerceu na pintura e nas artes aplicadas, especificamente en Robert e Sonia Delaunay, e a través deles chegamos a Vicente Huidobro, o xenial poeta que sentiu fascinado pola torre, á que dedicou un poema que se reproduce no libro. Precisamente dun poema seu, hoxe desaparecido, toma este libro o título.
Infinidade de personaxes do mundo da pintura, a escultura, a fotografía, a literatura, o cinema, a política... aparecen por este libro, ademais as notas profusamente documentadas axudan ao lector numerosos feitos tanxenciais que se mencionan no corpo do texto.
Destacable é o bo estilo con que está escrito, os parágrafos son claros e lese con pracer; e o acerto en ir abrindo a obra aos diferentes acontecementos e manifestacións que van máis aló do que cabía esperar, é dicir, unha máis ou menos biografía de Búfalo Bill.
Posiblemente moitos se preguntarán se isto é un libro para xoves. Entendo que os libros para nenos e novos, ademais de estar ben escritos, deben ser un espertador da curiosidade por descubrir, debe ser unha invitación a ir máis alá. Paréceme que é un libro profundamente HUMANISTA no sentido renacentista do termo. Recordo que na miña infancia sen libros gozaba coa lectura dunha especie de enciclopedia titulada Dime donde, Dime por qué... Eses libros responderon unha parte da miña habre por coñecer e espertaron moitas preguntas que lecturas posteriores foron respondendo. Este libro provoca moitas preguntas ás que responde, certo que non se pode responder a todo, por iso é tan interesante.

Búfalo Bill romance. Carlos Pérez e Dani Sanchís

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP