Loading...
4.4.14

Banda deseñada e mitos


Recibín varias recomendacións para ler Hilda y el trol (Bárbare Fiore editora), pois a varios dos lectores nos que adoito confiar lles tiña gustado. Estaba, ademais, entre os mellores libros do ano pasado, así que era obrigado botarlle un ollo.
É unha pequena aventura protagonizada por unha nena nórdica que decide ir durmir nunha tenda de campaña a noite que o informativo radiofónico anuncia choivas. Acompañada pola súa mascota, unha especie de esquío, e co seu caderno de debuxo vai atravesar o bosque para atopar os mitos escandinavos, as pedras e os trols. 
A narración e extremadamente sinxela, case diría simple, pero graficamente é máis interesante. Luke Pearson crea a súa protagonista con enormes ollos redondos, o seu fiel esquío cuns cornos de reno, coma se fosen elementos dun disfraz, cuns ceos vermellos deslumbrantes e un horror vacui evidente. Opta por un debuxo limpo, colorista, por delimitar as viñetas e adoptar unha distribución espacial sinxela, o que axuda enormemente aos primeiros lectores. Ademais disto, a ambientación está perfectamente documentada e o mapa que aparece ao principio do libro ofrécenos a posibilidade de realizar unha lectura dos evocadores nomes das terras nas que se vai desenvolver a aventura. Aínda que se parecen intuír certas homenaxes, nos diálogos hai partes que resultan desconcertantes pola dificultade que ten para os lectores desentrañar o significado real dalgunhas frases, e mesmo resulta complexo asumir o rol do home de madeira coas súas frases categóricas, a máis contundente é a que pronuncia cando a protagonista non sabe que busca o trol que a persegue para que lle saque a campá que lle colgou despois de debuxalo.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP