Loading...
5.3.14

Illas que bailan





Edición galega da obra de Prévert
Hai varios anos foi para min un gran descobrimento un ilustrador do que nunca oíra falar, un era un chisquiño máis ignorante, chamado André François. Foi a lectura de Lágrimas de cocodrilo nunha vella edición de editorial Lumen que un amigo, que o atopou entre os andeis da Libraría Bertrand de Vigo (nunca suficientemente chorada), tivo a ben regalarme despois dalgunha insistencia pola miña parte (tampouco llo agrdecerei o suficiente). Era sorprendente o que se podía facer cuns cantos trazos, sen grandes artificios. Algún tempo despois, Edixións Xerais recuperou un libro de Jacques Prevert, publicado na colección Merlín con tradución de Henrique Harguindey, que levaba por título Cartas das illas Bailarinas. Esta versión en galego estaba ilustrada por Xaquín Marín. Pois hai uns días chegou ás librarías unha versión en español publicada por Faktoría K de libros baixo o título de Cartas de las islas de Baladar, tradución de Pedro Almeida, que respecta a edición orixinal de 1952 coas ilustracións de André François.
Trátase dun libro que nin pintado para os tempos que corren, un canto contra a explotación escrito cunha boa dose de ironía, un ritmo endiañado e unha sucesión de feitos aloucada. Como lles pode resultar a lectura aos nenos de hoxe? Da resposta a esta pregunta poderemos deducir se vai ser un título de fondo, de longo percorrido ou, sen merecelo, un libro máis que pasa.



A HISTORIA DO LIBRO
Parece ser que Prevert recibira o encargo de facer un libro para nenos. Soamente despois de que Alexandre Trauner lle presente a André François pensará neste ilustrador de orixe romanés para ilustralo. Realizaron a obra a partir das ideas que intercambiaban nos encontros que mantiñan con regularidade todas as semanas. Nesas conversas xurdían ideas que François ilustraba e ás que despois Prevert lles poñía texto. E facíao pensando nos seus fillos, que daquela tiñan arredor de dez anos. Posiblemente por esta razón, as redundancias entre texto e imaxe son inexistentes e o ritmo narrativo da obra é endiañado, cun continuo suceder de cousas que require un lector atento, o cal demostra a confianza que Prevert ten na capacidade de comprensión dos nenos. Pero se un quere saber máis cousas pode baixar o documento da exposición Balade aux îles Baladar escrito por Janine Kotwica e Maëlle Quéré.
Cartas é un libro que fai do humor un elemento esencial no seu plantexamento anticolonialista.

PRÉVERT 
A pesar de que publicou varios libros para nenos (xa me ocupei hai algo máis dun ano de "Para facer o retrato dun paxaro" ou de "Cuentos para niños no tan buenos"), o gordo da produción do autor francés foron o teatro, guións de cine (a carón de Marcel Carné e Jean Gabin, Quai des brumes por exemplo, sen que nin a ocupación alemana puidese paralos) a poesía, incluíndo a vertente de autor de cancións, ás que lle poñía música o compositor Joseph Kosma. Quen pode esquecer "Les feuilles mortes"?

Cartas de las Islas Baladar. Jacques Prévert e André François. Kalandraka editora. Trad. de Pedro Almeida.
Título orixinal: Lettres des Iles Baladar. Edición orixinal: Gallimard, col. NRF Le Point du Jour, 1952

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP