Loading...
24.2.14

Recuperando libros

Hai bastantes anos tiven a fortuna de coincidir con dúas persoas, naquel momento moito máis vellos ca min, nunhas xornadas de algo relacionado coas bibliotecas ou a animación á lectura. Eran Mª de la Luz Uribe e Fernando Krahn, el recitaba a xeito de despedida dos que estabamos no xantar nunha especie de ruso que nunca cheguei a saber se era tal. Ela, unha muller tranquila e alegre que tiña un comentario para cantos falabamos con ela sobre os seus libros.
Hai uns días volvín ler un libro do que hai moitos anos me falara un amigo e que descubrín na súa voz e da súa man; nunca chegara a mercar un exemplar. Trátase de Doña Piñones, Ed. Ekaré. Para min non é un libro comparable a Cuenta que te cuento, porque creo que ten imperfeccións, irregularidades estróficas e rítmicas, pero que no seu conxunto conforma un libro entrañable, divertido e moi apropiado para os primeiros lectores.

As ilustracións de Fernando Krahn son do mellor que fixo, incluso mellores que as de Cuenta que te cuento ou Pero Pero. Magníficas no trazo e na lectura que fai da historia. Por certo, recomendaría a cantos teñan oportunidade, que se fagan cun libro seu de ilustracións que hai uns anos andaba por aí nas tendas de lance titulado Látigo de cien colas, absolutamente delirante.


0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP