Loading...
25.1.14

Concerto para unha escaleira


Concierto para escalera y orquesta (Ekaré) non é unha proposta orixinal, aínda que poida parecelo, porque son esas historias surrealistas que moitos escritores fan algunha vez na súa vida sen poder atoparlles unha saída literaria (os bos finais sempre son complicados de atopar) ou comercial (os editores non se entenden ou non se arriscan  a publicar, nin moitos lectores a ler). 


A historia comeza no momento en que o protagonista 1 decide invitar á protagonista 2, que vive nun piso superior, a un concerto que vai ter lugar nun teatro da cidade, pero... A partir de aí desencadéanse unha serie de situacións imprevisibles como que a escaleira desapareceu, co que os nosos protagonistas levan camiño de perder o evento. A proposta é curiosa, rodariana... Que pasaría se un día vas saír da casa e non está a escaleira? Pero dicía que o difícil é pór remate á historia e Antonio Orlando Rodríguez  consígueo. De non ser así, estariamos a falar dun libro fallido, aínda con todo, cómpre un lector que rompa os moldes da lóxica porque a historia non vai diso.



A proposta formal do libro tamén estraña porque é un libro cun formato inusualmente estreito e a explicación está en que había que facer un deseño longo e estreito coma unha escaleira, segundo explica a propia editorial. A ilustradora é Carole Hénaff. Smara (Kalandraka) tiña ilustracións súas moi interesantes, pero aquí hai páxinas que me parecen excelentes, por exemplo a segunda, cando ilustra a idea da protagonista que bica unha rosa para pintar os labios, cun pincel con forma de pétalos de rosa, ou ao contrario, unha rosa con talo de pincel.


Concierto para escalera y orquesta formou parte da selección que o suplemento literario de El País publicou polo Nadal.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP