Loading...
8.12.13

Construíndo un conto


O castelo do asombro é o título do último libro de Ramón Caride que caeu nas miñas mans e que chega a através da colección ala delta da Editorial Tambre, o selo en galego de Edelvives do que resulta imposible atopar unha web a pesar de que no pé do portal do grupo hai unha ligazón que debería levarnos a algún sitio. A intención do autor foi construír un conto ao xeito tradicional. O problema é que na extensión descobre certas imperfeccións que non quitan que sexa un libro que agrade aos lectores. 
Este é un libro de libros porque atopamos as pegadas de moitos outros clásicos da literatura, mesmo da literatura de tradición oral,  e niso ten unha grande virtude. 
A estrutura narrativa ten certa complicación construtiva, a min non me parece doado traballar con pasaxes que suceden simultaneamente sen recorrer á narración entretecida. A narración contén diferentes historias que van derivando unhas doutras, que volven a cruzarse e desaparecen outra vez. Do mesmo xeito, uns protagonistas deixan paso a outros e os personaxes iniciais perden repentinamente presencia, aínda que sen ser eliminadas definitivamente da trama, polo que se agarda a súa irrupción en calquera momento.
Os pequenos defectos narrativos son superados polos enredos e engados que o autor vai sementando ao longo das páxinas para atraer a atención do lector. Eis a forza da narración tradicional.
As ilustracións son de Dani Padrón, un ilustrador do que ultimamente vexo moitos traballos: Pan de millo (Kalandraka), As palabras do silencio (Xerais) ou Venres (Sushi Books), no que creo apreciar unha indubidable influencia de Ibán Barrenetxea e ao que procurarei estar atento porque creo que pode facer taballos moi interesantes.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP