Loading...
3.11.13

A aventura de vivir do carballo

A edición actual está chea de libros que nos ofrecen coñecementos específicos e ás veces especializados de áreas moi reducidas do saber humano e non se atopan os coñecementos básicos que antes ofrecían as enciclopedias. A consecuencia disto é, na miña opinión, que para acceder a eses coñecementos é preciso consultar unha chea de fontes diversas, algo que resulta ben difícil para un neno dada a gran cantidade de información contida na rede (a súa primeira fonte de información) e a pouca fialbilidade de moitas fontes de internet.
Este libro ten un pouco deses coñecementos báscios tan importantes para os pequenos lectores, pero ofrece unha visión dunha especie, o carballo como indica o seu título, que abrangue unha ampla variedade de aspectos, desde a morfoloxía, a reproducción ou os sistemas de defensa ata o seu aproveitamento industrial ou os seus usos tradicionais nas sociedades agrarias. Non falta tampouco unha enumeración dalgunhas especies que viven asociadas ás carballeiras.
Un libro claro, cun formato fundamentalmente visual e cun tratamento axeitado para os lectores escolares, aínda que concordo cunha anotación de anatarambana que lle critica o emprego da primeira persoa. Penso que os libros de divulgación para lectores de máis de sete anos deberían empregar un tono máis obxectivo, e por tanto unha narración en terceira persoa.
Calros Silvar leva moitos anos publicando libros de natureza e sabe o importante que é a ilustración nun libro de natureza.  A el debémoslle aquelas primeira guía de aves publicada por Galaxia. A pena é que moitos deles non tivesen unha boa edición e non lle permitisen a el desenvolver plenamente o traballo de ilustrador.
Hai edición en castelán publicada por Lectio Ediciones.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP