Loading...
16.8.13

Falando sobre a morte

O mundo de Stian Hole é peculiar, e plasticamente aprecíase a primeira vista esa particularidade. Acabo de ler o último libro publicado en España a cargo da editorial Kókinos. O seu  título é "El cielo de Anna". O tema é a morte do proxenitor, neste caso a nai, pero por que non podía ser o pai? En calquera caso, fálanos dun tema tabú para os infantes contemporáneos en Europa. A morte está ausente de case toda a literatura infantil. Non son capaz de citar moitos títulos que o traten. Será polo meu coñecemento limitado ou é que non os hai?
Aínda que fago un despece do libro tentando buscar unha comprensión da estrutura e captar todo o sentido da historia, para os lectores que non queiran ir máis alá, debo dicir que o libro é basicamente sincero e non dulcifica a realidade, faina máis dixerible, pero non a falsea. A ilustración, invita á relectura. Por iso é un libro valioso.
Pero vaiamos ás tripas da historia.
"Oso se lee igual hacia delante que hacia atrás -dice Anna-. Y arenera también."
- Igual que Anna -dice papá-. Pero ahora tienes que darte prisa que vamos a llegar tarde." 
Así comeza o libro. Na ilustración vemos nun primeiro plano á protagonista sentada nun bambán mentres, nun segundo plano, o pai terma dun ramo de flores. Se vamos á última ilustración, veremos a mesma escea, pero cos protagonistas na situación oposta. Agora é o pai quen arrandea mentres a filla lle fai un aloumiño. Coma un paréntese que se abre e outro que se pecha, a historia desenvólvese entre estas dúas imaxes. O que vai entre unha situación é unha distancia anímica simbólica que percorren os protagonistas de "El cielo de Anna".
Primeiro, a nena tenta fuxir da dolorosa realidade e o pai, dulcemente, que a asuma. Pai e filla conflúen cando ela fai unha referencia indirecta a esa realidade que lle doe, e o pai exterioriza a súa raiba ("Hoy alguién está arrojando clavos desde el cielo." Di o pai) As imaxes lévanos a un mundo onírico coa nai da nena montada no lombo dun elefante surcando un ceo fantástico. 
A partir de aí muda o rol dos personaxes e traspasan a fronteira a partir da que xa se permiten falar da desaparición da nai. Ese momento vén simbolizado pola nena ollando os vestidos da mamá. Aquí está, ao meu ver, o punto débil do libro, na inesperada lucidez da nena, que ante a fraxilidade do pai, asume o papel do adulto. A partir de aí, o libro tórnase meláncolico. Pouco a pouco, entramos en esceas nas que os protagonistas elaboran o dó para asumir finalmente a perda do ser querido.
O proceso que viven os personaxes é real, non hai escapatorias nin solucións máxicas que nos liberen nin nos axuden a levar o peso da dor e ese é un signo de intelixencia do autor.
O estilo narrativo é un tanto frío e non se observa que pretenda implicar de primeiras ao lector mediante recursos emotivos. Hai como unha certa distancia entre a narración e os protagonistas que favorece unha relación máis obxectiva cos sucesos. Posiblemente se o autor utilizase un tono que convocase os sentimentos do lector ante a morte, a lectura correría o risco de caer na sensiblería. Os sentimentos aparecen porque os temos dentro e saen ao exterior sen necesidade de provocacións.

Para min é un libro importante literar

Outros libros sobre a morte
Balbino, o protagonista de "Memorias dun neno labrego" quéixase amargamente do que lle amola a morte porque a morte dun parente é un trance doloroso, pero esa dor hai que exteriorizala mediante rituais que requiren o sacrificio do neno e a renuncia a todos os aspectos lúdicos e amables da vida. Hoxe da morte non se fala porque os temas dolorosos, ao contrario do que sucedía nas culturas agrarias, non forman parte do ciclo vital, é unha realidade a ocultar (Despois os sucesos contrariantes son vividos como traumas porque xa non se entrena á infancia para a vida, senón para a felicidade, ignorando que a felicidade require, para ser tal, a cara contraria da moeda).
Dirixido a un público diferente e cun tono máis doce e filosófico temos outro libro publicado tamén por Kókinos, "Como todo lo que nace". Aquí fálase da morte desde a distancia que supón converter en obxecto da narración elementos vivos, pero non animais, unido a un enfoque que une vida e morte como dúas realidades complementarias e inseparables.


2 comentarios:

  1. Ola! Déixoche algúns álbums sobre a morte por se che interesan:
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2010/06/el-libro-triste.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2012/04/g-ustoume-moito-este-album-de-oqo-con.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2011/03/o-tren.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2011/04/o-livro-da-avo.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2011/10/o-meu-avo-carmelo.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2013/07/cuando-la-muerte-vino-nuestra-casa.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2011/03/pequena-parka.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2012/02/es-asi.html
    http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2011/06/donde-esta-guelita-queta.html
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Grazas pola túa aportación. Algúns xa os coñecía, outros non, así que vou botarlles un ollo.

    ResponderEliminar

 
TOP