Loading...
5.5.13

Unha colección para LECTORES



Que Anagrama publique libros para lectores novos non era algo habitual ata o de agora. Había algún libro que estaba pensado para os lectores xoves. Agora venme á cabeza "Europa contada a los jóvenes" do medievalista francés Jacques Le Goff, un historiador prestixioso.
A colección en orixe é italiana e todos os adaptadores tamén o son. Andrea Camilleri, Umberto Eco ou Stéfano Benni son os autores dos tres títulos que tiven a oportunidade de follear, e nalgún caso de ler. A intención confesa é achegar os clásicos aos lectores máis novos cunha linguaxe próxima que permita que os non lectores se acheguen a estes tñitulos. O nome da colección é Save the story e pretende rescatar certos clásicos do esquecemento. A idea parte de Alessandro Baricco, fundador da Scuola Holden para futuros escritores.
Para empezar, dicir que a edición é moi boa, libros atractivos, o suficientemente grandes para disfrutar dunha coidada tipografía, maquetación e ilustración, ás veces mínima; unidas a unha lixeireza que fai que o libro non moleste nas mans. As capas en material flexible axudan moito ao que acabamos de comentar e inclúen esa mixtura de brillo e mate que lle dá unha certa exquisitez.
Podo falar máis detidamente de "La nariz", a obra de Nikolai Gógol que adapta Andrea Camilleri. A adaptación por Camilleri do conto de Gogol está chea de acertos e de dificultades, algunhas delas aparecen na reflexión final. Camilleri non se limita a adaptar a historia senón que mantén unha conversa cos lectores, asumindo moi conscientemente o papel de intermediario. Salva moi ben a distancia que existe entre o mundo do relato ruso e o actual, pero a súa lectura ten pequenos obstáculos para os xoves lectores que é necesario pasar quizais con aquilo que dicía Pamuk, ser capaces de construír imaxes do que se le e non tanto de entedelo; á fin e ao cabo a literatura o que pretende é actuar na mente dos lectores.
Xa se anuncia a aparición de dous novos títulos: Crimen y castigo e Gilgamesh, desta vez con adaptadores non italianos.
Libros excelentes para seren compartidos cos adultos, especialmente para que os papás e as mamás sigan lendo cos seus fillos a idades nas que non soen facelo. Saber ler non é a última barreira a franquear e podemos seguir compartindo tempos de silencio lonxe do ruído televisivo.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP