Loading...
8.2.13

Carapuchiña vermella mudou de bosque



Desque estivo en Compostela, estabamos agardando polo novo libro de Roberto Innocenti. Decidiu facer unha nova versión da Carapuchiña vermella, actualizada e contextualizada no mundo de hoxe. Non podemos esquecer que non coñecemos cal foi a xénese do libro e, precisamente por iso, resulta aventurado lanzar un xuízo sobre como se realizou. O que é innegable é que se trata do libro dun ilustrador máis que un libro de escritor. 

O escritor Aaron Frisch, recentemente falecido aos 37 anos, era un escritor que comezou a súa carreira escribindo libros biográficos. Quizais fose o seu traballo o que o levou a comezar a escribir para nenos. Hai que dicir que era editor en Creative Company, unha editorial norteamericana cun fondo exquisitamente tratado tanto desde o punto de vista da ilustración, do grafismo e do deseño, dos que, ademais desta "niña de rojo", chegaron aquí algúns títulos, moitos a través de Kalandraka, Faktoría K, Lóguez, Fondo de Cultura económica, Anaya e SM (A versión de Cincenta que antes publicara Xerais na colección Rato Pérez).

Pero o meu interese neste libro non está no texto, senón nesa ilustración que se converte nun torrente de imaxes con moito que ver e descubrir. O bosque de Carapuchiña é a cidade e os lobos son esa infinidade de personaxes que rúan por elas con aspecto ameazador ou non tanto, aos que é difícil descubrirlles a personalidade de lobos. O propio lobo aparece caracterizado como un servicial moteiro rapado que soamente amosa o seu verdadeiro aspecto cando foxe despois de realizar a última "fechoría". Outros lobos aparecen na publicidade política dese "I am your candidate", esa especie de Berlusconi mesturado con Frankenstein, enxendro delirante.
O inicio sitúa ao lector como oínte dunha ficción que unha avoa conta a uns nenos que a rodean. Por que? Quizais porque non ten un final feliz. Así que o autor decide replantexar a fin e ofrece a posibilidade dun remate con final feliz, idea coa que o ilustrador bromea ao colocarlle a un dos personaxes un pequeno cartel anunciador co texto "final feliz".
Interesante esa maquetación tan limpa, co texto en caixa baixo das ilustracións, con moito aire.
Un libro magnífico para mirar, remirar e aprender a remirar desde a primeira páxina ata o último debuxo.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP