Loading...
19.1.13

Un libro vello?

Os amantes dos libros son como os amantes do chocolate, -evito recorrer á palabra viciosos porque sempre ten unha connotación negativa- preferimos quedarnos co regusto do bo aínda que sexa escaso.
Casualidade dunha fría tarde principios de xaneiro. Entras na libreria e, buscando e preguntando, aparéceche entre as mans un libro. É un facsímil? Pregúntaste e pregúntaslle á libreira. Non, a ilustradora é contemporánea aínda que o estilo lembra as xilografías ou os grabados do século XIX (Case poño do século pasado). Tratándose dun libro dos irmáns Grimm podería ser unha fiel reprodución dunha edición vella, pero non, é a aposta da editorial Jekyll and Jill.

Aínda que tendenciosamente tende a crerse que os contos son textos limitados por ser libros para nenos, todo o que teña lido algo dos contos de Andersen ou Grimm, sabe que as cousas non son así. E son menos así canto máis primitiva sexa a versión. Os Grimm souberon recoller os contos do pobo e reelaboramos literariamente sen facer deles entretemento para cortesanos, e iso fai que conserven toda a súa crudeza, valores simbólicos e de reivindicación da xustiza  para os débiles. Ás veces creo que sucede con estas obras o  mesmo que coa Alicia de Carroll, ninguén pode ter unha idea cabal sen unha edición anotada. Del enebro é unha historia cargada de simbolismos, algúns dos cales son explicados no prólogo de Francisco Ferrer Lerín. A estrutura da historia utiliza moitos personaxes "intermediarios" que facilitan os elementos que van facilitar que o protagonista acade a meta proposta. Como adoita ocorrer con moitas das historias que se recollen da tradición, non se dulcifican os elementos violentos e sanguinarios que forman parte das sociedades rurais primitivas, e que hoxe tanto asustan, influenciados por unha educación e uns principios que responden a unha realidade social, histórica e cultural tan distintas daquelas.

Que che pareceu o libro? Preguntoume a libreira uns días máis tarde. Un pequeno luxo, un capricho para "viciosos" dos libros, respondinlle convencido de que unicamente os que sentimos pracer polos libros coidados saberemos apreciar os detalles desta edición, que van desde as dúas dobres páxinas cos fíos vermellos como elemento da ilustración ao regalo final (Parece que é costume destes editores deixar un pequeno agasallo aos lectores), unhas ilustracións marabillosas de Alejandra Acosta, unha ilustradora chilena descoñecida para min, que paga a pena descubrir e seguir en todo canto publique a partir de agora, alomenos nos territorios que poidamos abarcar. O que non lle dixen é que é deses libros que é un pracer compartir e lerllo en alto a alguén e pararse a ver as ilustracións... E se algún ten coñecementos de baixo alemán atopará nas páxinas finais o texto na lingua orixinaria.


Páxina web de Alejandra Acosta.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP