Loading...
27.1.13

Outros conceptos na literatura infantil


As correntes literarias estadounidenses andan nun baile permanente entre o misticismo e a literatura propedéutica. Se un ten oportunidade de ollar as listas dos libros máis destacados nos últimos anos, unha parte dos que conseguen saír destes dous grupos parten da visión infantil de certos conceptos científicos ou filosóficos. Pero en moitos destes paréceme detectar un traballo de campo sobre o que pensan os nenos destes conceptos e a partir de aí constrúen o libro.

Entre os libros máis destacados do ano 2012, segundo The New York Times, estaba Infnity And Me. Algo do que mencionaba parece intuírse neste libro, e ollando o que di a autora na súa web confirmo a sospeita, aínda que intentou alonxarse do listado de conceptos que os nenos elaboran para explicar o que é o infinito para eles. O recurso que o posibilita é volver sobre os zapatos vermellos da protagonista. 
Kate Hosford ten publicados tres libros, dos que dous son libros rimados, pero o que máis me sorprende, a pesar de repetido, é que moitos autores norteamericanos inclúen nas súas webs PDFs con orientacións didácticas para o uso do libro, algo que se se fai aquí é a partir das editoriais e non dos autores (Ver aquí as propostas para este libros). Hai dez anos, cando comezaba a explorar o mundo da literatura infantil, coñeceu a un grupo de ilustradores interesados nos álbumes ilustrados entre os que estaba Gabi Swiatkowska. Da amizade que xurdiu entre ambas non saíu ningún libro porque  Kate Hosford non comezara a publicar. Así pois, esta é a primeira colaboración entre ambas.
Gabi Swiatkowska utiliza moi ben o espazo que lle dá a páxina para xogar con diferentes posibilidades narrativas: composición complexa de escenas, partición da páxina nun plano dobre e unhas ilustracións un tanto expresionistas e cos detalles moi ben traballados. Unha das cualidades de todo bo ilustrador é saber ler os textos e sospeito que o fai moi ben polo resultado que se aprecia en Infinity And Me.

Infninity And Me. Kate Hosford. Ilustracións de Gabi Swiatowska. Carolrhoda Books. Minneapolis (EE.UU.)

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP