Loading...
27.1.13

A marabillosa historia de Peter Schlemihl

Adelbertp Von Chamisso pertencía a unha familia aristocrática francesa que se instala en Alemaña fuxindo da revolución francesa. Cando Adelbert chega a ese país é un neno. Loxicamente, a súa educación é xermánica tanto no lingüístico como no cultural. E iso vai ter unha trascendencia importante na publicación da súa obra máis coñecida, porque o tema do pacto cos poderes ocultos, que se dá en determinados autores xermánicos vai ser recollido por el. A maravillosa historia de Peter Schlemihl é un libro que está a punto de cumprir douscentos anos, faraos en 2014, pero iso non o converte nun libro vello. Por que?
Porque cando un o le, non hai nada del que nos faga patente que o seu tempo pasou, todo o contrario. É un libro cheo dunha magnífica fantasía irónica que ás veces nos pon un sorriso.
A liña argumental é a coñecida historia da persoa que decide pactar co demo para conseguir unha avantaxe, neste caso pecuniaria. A historia irase desenvolvendo entre un primeiro periodo en que o protagonista vive satisfeito coa súa nova condición e o progresivo descubrimento das eivas e faltas que comporta a perda de algo que el consideraba insignificante. Moitos críticos quixeron ver nesta condición de home sen sombra de Peter Schlemihl unha analoxía coa súa condición de "apátrida".
As ilustración de Agustín comotto son espectaculares -aínda que a algúns seguro que lles van parecer estrañas ao estilo e á época da narración- e a edición ben coidada, como acostuma a facer Nórdica.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP