Loading...
14.12.12

Non son un lector asiduo de Andrés Trapiello. Hai anos lin algún título a partir de El gato encerrado (Pretextos) para chegar á súa magnífica Al morir don Quijote. Haberá quen xuzgue o libro a partir dos postulados ideolóxicos nos que se sitúa o protagonista, José Pestaña, un profesor de historia e investigador da Guerra Civil, fillo dun Camisa Vieja, nome co que se coñecía aos falanxistas de primeira hora. Outros farán unha análise desde o punto de vista literario e obviarán os xuízos de carácter político e histórico.
O comezo da novela é o máis interesante desde o punto de vista literario porque insinúa sen descubrir as cartas nas que vai basar a trama. A partir de aí baixa un pouco o tono sen deixar de ser atractiva para o lector. Todos os elementos sociais, políticos e persoais que envolven a vida do autor conforman un universo anárquico con matices variados que colocan ao protagonista no centro da narración por riba de todas as demais circunstancias.  A novela ten momentos magníficos, por exemplo o momento en que o protagonista descubre que o seu pai xoga unha fantasmal partida de cartas cos seus camaradas mortos.
Pero a mellor definición do libro faina o propio libro na páxina 278: "Hemos convertido los libros de Historia en una ficción, y ahora hemos de recurrir a la ficción para contar la historia". Literatura á parte, creo que Trapiello non di unha cousa que el ben sabe, a Historia sempre foi unha ficción escrita por gañadores.
Magnífica portada, que expresa perfectamente a idea do libro, ese neno coa presenza dun pai que non se ve, pero que queira ou non, sempre está como unha sombra.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP