Loading...
27.11.12

O oficio de lector

Unha das reflexións que a literatura do século pasado comezou a plantear é o tipo de lector ao que se dirixe o autor. Recentemente, Ignacio Echevarría levaba ao seu artigo semanal no ABC de las letras unha reflexión interesante. Non será que non hai mellores escritores porque non hai bos lectores? Pode haber quen o considere unha estupidez -a min non mo parece- crer que aí reside un dos posibles problemas da literatura actual, pero sería moi parcial crer que é o único. Elementos como o aburguesamento dos autores, a mercantilización despiadada da edición abundan tamén niso. Os bos autores, poucos, pode ser, non chegan aos bos lectores, tamén poucos, porque outros libros ocupan demasiado espazo e fan demasiado ruído nas páxinas dos xornais e revistas especializadas e nos andeis das librerías. 

Tamén habería que considerar esa idea mentireira que algunha xente vai sementando por aí de que a literatura é diversión, que se un libro te fai sufrir debes abandonalo. Que gran mentira! E para desmontala recorrería a unha analoxía futbolística, un mundo co que os culturetas teñen moitos prexuízos. 
Estou absolutamente seguro que se dixésemos que o fútbol é sufrimento teriamos que pararnos un momento a pensalo porque para os nosos infantes, nada está máis lonxe diso que o fútbol. Pero un xogador debe entrenar antes de xogar o seu partido, o entrenamento é levar o corpo a un estado de esixencia que ás veces implicar dor. Pero é un pago que se debe facer para poder acadar a forma competitiva. Na formación da competencia, o lector pasa por un proceso semellante que dá lugar a unha capacidade maior para afrontar diferentes tipos de texto, con diferente intencionalidade e distinto nivel de decodificación. vivimos nun tempo que eu defino como ludopático. Todo ten que ser divertido, todo ten que producir pracer, e ademais debe ser o máis inmediato posible, sen decatarse de que os mellores froitos, os máis valiosos e saborosos soen tardar en agromar.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP