Loading...
20.8.12

O meu pé de laranxa lima


Hai libros que cando se rematan deixan unha especie de calafrío atravesando o corpo e de súpeto espertas coa sensación de que algo mudou en ti. Ás veces, eses libros non son grandes obras mestras da literatura, e que importa se a un non o deixan indiferente? Esta é a sensación que acabo de sentir ao pasar a última páxina de "Mi planta de naranja lima" (José Mauro de Vasconcelos. Libros del Asteroide). Creo que na estrutura da novela hai transformacións inexplicables, que a tradución contén erros, o máis chamativo o uso equivocado dunha falsa equivalencia entre o diminutivo no portugués e no español; pero iso perde importancia porque ten a sensación que é unha literatura da vida, sincera e real que conmove. Hai quen teima en ver pegadas do realismo máxico sudamericano (Por que non len a Cunqueiro antes de falar do sudamericano?). É un libro escrito cunha linguaxe sinxela, pero que emociona. Así o explicaba o propio autor no epílogo a unha edición de 1975 “O que atrai meu público deve ser a minha simplicidade, o que eu acho que seja simplicidade. A minha linguagem regional está numa atitude compreensiva. Os meus personagens falam linguagem regional. O povo é simples como eu. Como já disse, não tenho nada da aparência de escritor. É a minha personalidade que está se expressando na literatura, o meu próprio “eu”..."
 
A novela contén elementos autobiográficos do autor, que naceu nun bairro pobre do Río de Janeiro, nunha familia que non podía mantelo, polo que foi enviado a Río Grande do Norte á casa duns parentes. Cando retornou a Río exerceu infinidade de traballos, pero esas vivencias infantís rebulían na súa cabeza e converteuna en novela en a penas doce días: “O Meu Pé de Laranja Lima” saiu em doze dias. Porém estava dentro de mim há anos, há vinte anos”.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP