Loading...
5.7.12

Un carpinteiro, un texto e un ilustrador

Sempre se di que non hai mellor álbum que aquel escrito polo ilustrador, ou dándolle a volta, ilustrado polo escritor. Creo que non sempre é así e que por cada álbum destas características que asevera esta afirmación, hai cincuenta que o desminten.
Ibán Barrenetxea está tocado por un aura favorable que vén marcado por un estilo de ilustración que gusta a todo o mundo; recentemente recibiu o Premio Kirico 2011 ao mellor libro infantil que conceden as librerías que se agrupan baixo ese nome.
Xa tivera unha importante repercusión con Bombástica naturalis, un libro que debo dicir que non me acabou de convencer a pesar de que tivo o premio Euskadi. Pero está claro que para gustos pintan cores, afortudamente.
A verdade é que este "El cuento del carpintero" é un libro ben escrito e moi ben pensado. Cada palabra ten un por qué e case todos os feitos, unha finalidade clara. O carpinteiro pode crear unhas formas tan perfectas que cobran vida, pero recibirá diferentes requerimentos do Barón Von bombus, pero unicamente ao final decatarase de que en toda a anatomía dun ser que unicamente é capaz de utilizar a forza, hai unha parte que sobra. E será a única vez que fabrique un elemento que non cobrará vida. A ilustración está na onda de autores como Vladimir Radunsky ou algún dos libros da colección Rato Pérez, vexo certos parecidos coas do conto da Cincenta. Hai pequenos detalles expresivos que se poñen ao servizo da intención de outorgar valoración aos personaxes (O peto que aparece repetidamente, por exemplo).
Unha alegoría sobre a forza e a razón.


El cuento del carpintero. - Ibán Barrenetxea. - Editorial A buen paso.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP