Loading...
23.6.12

O livro da tila

 Hai algúns anos nos encontros de literatura infantil que organizaba a biblioteca Nova33 tiñamos a oportunidade de coñecer o que se estaba a facer en Portugal no eido da literatura infantil e xuvenil. Moito daquilo era debido ao profesor José António Gomes, profesor da Escola Superior de Educaçâo de Porto, poeta, estudioso e divulgador da literatura en portugués. Desaparecido todo aquilo e deixado nas mans de iniciativas coma os Encontros luso - galaico - franceses, soamente pequenos puntos de encontro quedan para compartir e pequenas incursións a Viana do Castelo, Guimaraes ou Porto permiten poñernos un pouco ao día sobre o que se fai alénmiño.
A poesía infantil portuguesa sempre tivo, na miña opinión, un aire máis vangardista que outras poéticas, no que eu coñezo da galega e da española, non atopo equivalentes a Mário Castrim, por poñer só un exemplo.
Nunha desas incursións dei cun libro da Matilde Rosa Araújo titulado O LIVRO DA TILA. Desta autora coñecía "As fadas verdes", un bo libro con ilustracións de Manuela Bacelar, a ILUSTRADORA, así con maiúsculas, da que se alimentaron tantos novos ilustradores e ilustradoras en Portugal.
Esta libro que está dentro do Plano Nacional de Leitura, unha especie de índice de lecturas recomendadas e clasificadas por idades e grao de dificultade que orienta a bibliotecarios e mestres, resulta sorprendente. Escrito no ano 1.957, desprende un aire tan vivo que os anos non lle quitaron un gramo de interese.
Matilde Rosa Araujo foi formadora de mestres e ben se ve que coñece que debe ter a poesía para nenos. Partindo do feito de que hai diálogos e estructuras sinxelas que poden ser facilmente seguidos polos pequenos. Os seus recursos poéticos son facilitadores da memorización e manteñen unha relación estreita coa poética popular e con toda a lírica medieval (uso repetido do paralelismo, por exemplo). Podemos dicir que que isto escribiu sabía perfectamente o que facía e tivo o enorme acerto de optar por unha temática que conecta perfectamente con varias xeracións de lectores.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP