Loading...
8.5.12

Sendak nunca morrerá

Acabo de recibir a nova de que o gran Maurice Sendak, con todas as letras maiúsculas do mundo, faleceu nun hospital de Connecticut, deixándonos aos lectores a inútil responsabilidade da súa permanencia. Que pode borrar a Sendak da memoria de millóns de lectores que medraron, especialmente, co seu "Onde viven os monstros".
Hai quen di que Sendak é un autor esencial do século XX. Hai quen di que é O AUTOR do século XX. Indubidablemete, ninguén pode ignorar que Sendak transformou a literatura para nenos. Lonxe dos adoctrinamentos de diversa índole que supuñan as obras para nenos da primeira metade do XX, foi o primeiro que se atreveu a configurar personaxes que se rebelaban contra as normas e encerrados no seu cuarto facían agromar auténticas selvas, cheas de luz, color e nas que se podía respirar un aire de liberdade. Por iso, houbo quen o considerou un perigo social e decidiu censurar os seus libros, quen tentou que os nenos non os lesen e introducilos nese catálogo de obras esquecidas porque non pode tolerar que os pequenos lectores teñan modelos para ser libres
Quizais a literatura infantil lle deba a aquelas tías polacas que cada semana enchían a súa casa dos estraños arrecendos da cociña polaca e que o obrigaron a realizar estrañas viaxes mentais para apartarse das súas caras vastas e barbadas.
Aínda que escribiu moitos máis libros, para min, "Onde viven os monstros" sempre será o libro, a pesar de que sei que forma con "In The Night Kintchen" e "Outside, Over There" unha triloxía.
Pero comezaba dicindo que nos deixa a inútil responsabilidade de facelo permanente e sempre se di que cando o autor remata o libro pasa a ser dos lectores, e hoxe, o noso Sendak forma parte da memoria literaria de millóns de lectores e ducias de linguas que recolleron a súa esperanza nos seres libres. Pero hai un pequeno legado, unha especie de despedida que nos regalou despois de trinta anos de silencio, "Bumble-Ardy", o seu derradeiro libro.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP