Loading...
10.3.12

Sorpresa, sorpresa!!



Michäel Escoffier ten a capacidade de atraer a atención dos prelectores con historias sinxelas e ben rematadas. Sabe que non deben ter reviravoltas e que hai que sorprender aos lectores cun final inesperado. Outros autores tamén o saben, pero son incapaces de manter un nivel continuado. Penso por exemplo nun magnífico libro titulado Ladrón de gallinas (Beatrice Rodríguez), sorprendente e fermoso, ao que seguiron outros dous que non acadaron, ao meu entender, o magnífico traballo de guión e ilustración daquel primeiro volume.


"Hola, doctor" está na liña doutros libros dirixidos a prelectores como "Ser quinto" (co que mantén notables coincidencias) ou "Un, dous, tres, qué ves?"  de Nadia Budde. A secuenciación da imaxe está perfectamente creada para que se poida facer unha lectura visual sen dificultades desde a ilustración, mentres que a lectura literaria matiza a intensidade da narración visual. Un libro que podería ser publicado perfectamente sen texto. Mathieu Maudet realiza un magnífico traballo, alonxado dos fogos artificiais que deslumbran en moitos libros infantís e que ocultan un tremendo baleiro comunicativo. Ademais envolve no humor as páxinas, do mesmo xeito que adoita facelo co resto dos seus libros.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP