Loading...
28.3.12

La bicicleta de selva

La bicicleta de Selva é un relato que gañou o Premio de literatura infantil Ciudad de Málaga no ano 2010. Non coñezo as obras anteriores de Mónica Rodríguez e non teño, polo tanto, prexuízos, no sentido estricto da palabra. Confeso que cheguei a ela por recomendación e mesmo préstamo dunha libreira porque non tiña lido unha soa crítica nin en blogs nin en prensa escrita.
A súa lectura é rápida e amena porque está escrita cunha grande carga emotiva, un cre estar lendo un libro sincero, aínda que unha lectura máis reflexiva nos fai descubrir pequenas trampas. A protagonista da historia é unha nena diferente, descrita con adxectivos que apuntan máis aos aspectos connotativos que aos denotativos. Esa historia é contada desde a memoria dun home vello que vai desfiando unha chea de lembranzas infantís. Non se trata dunha descrición de sucesos fiel, senón máis ben desde as pegadas afectivas que os sucesos deixaron no narrador. Iso resulta atractivo para o lector porque mantén unha proximidade co relato a través dos sentimentos que o narrador transmite.
A outra protagonista é a bicicleta, un obxecto que se describe como vello e enferruxado, a bicicleta que ningún neno envexaría. Onde está entón o seu valor para convertila nun elemento importante do relato? E unha vez máis o recurso ao avectivo convirte ese obxecto descoidado noutro de valor, o valor do que representa na vida da súa dona, da memoria viva familiar.
A gran virtude do relato é a de estar contado coa forza e a intensidade que soamente pode aportar unha escritura emocionada.
Está publicado dentro dun caixón de xastre que Anaya denomina Libros singulares, como o outro gañador do premio Ciudad de Málaga, Fede quiere ser pirata,que teño xa sobre a mesiña para ler, quizais na fin de semana.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP