Loading...
25.2.12

Lebedev en España


Quedou de manifesto nalgunha outra entrada deste blog a miña admiración por Samuel Marshak, e colateralmente teño mantido que a súa parella artística ideal era a que formou en tantos libros co ilustrador Vladimir Lebedev. Pois agora, algúns privilexiados teñen a posibilidade de coñecer en profundidade a obra deste ilustrador mediante unha exposición aberta ata o 26 de maio na Fundación Juan March en Palma de Mallorca. Se non estivésemos sometidos a este incerto futuro no eido económico, un acudiría raudo ás Illas Baleares para sorprenderse ante ese derroche de modernidade que foi a literatura dos primeiros anos posteriores á Revolución de Outubro. E mesmo podería facer unha parada en Madrid para acudir ao Thyssen Bornemisza para pasearse pola exposición de Chagall e atopar algo daqueles contos que Chagall ilustrara nos inicios do século XX, ademais de admirar, por suposto, esa pegada onírica que impregna toda a súa pintura, esa tradición xudea tan detalladamente reflexada en todos os seus cadros. Esta temos a posibilidade de visitala ata o 20 de maio.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP