Loading...
17.12.11

Paralelismos

Sempre hai quen pensa que só pode gozar coa lectura dos articulistas que nadan na mesma parte do río que un, e aí perde a posibilidade de recrearse en ideas que, aínda non compartindo, fanos conscientes doutras visións da realidade que se expresan intelixentemente, enténdase con argumentos, paixón e brillantez literaria. No ABC cultural, para min o mellor suplemento cultural da prensa española por min coñecida, os xornais cataláns non chegan aos nosos quioscos desde hai un tempo e non me atrevo a expresar unha opinión, pois a consulta en internet é limitada, hai un bo feixe deles. Certo que hai outros que sendo bos escritores, non teñen o don da proporcionalidade, a virtude do distanciamento e unicamente amosan as vísceras (De que cabalo caería o pobre De Prada?). Armas Marcelo, Rafael Reig, Andrés Ibáñez... ofrécenme o pracer da súa lectura, e respiro una aire de pluralidade que non percibo no resto do xornal.
Vén isto ao artigo que Rafael Reig publica en "Lecturas y relecturas" no ABD cultural de hoxe, no que establece un paralelismo entre a lectura e a comida:
"A pirámide da lectura é como a dos alimentos e funciona máis ou menos igual. Hai que ler de todo, aínda que a base son os clásicos, que alimentan moito e non engordan; tamén se recomenda o consumo diario e moderado de poesía láctea e novela contemporánea de carne ou de peixe; hai que ler sesudos ensaios igual que hai que comer verduras e froitas; e no vértice da pirámide, coma sempre, están as deliciosas galdrumadas, as golosinas, os doces, a pastelaría industrial, as hamburguesas feitas con pálpebras de becerra; son os best-sellers que nos dan tanto pracer e que se comen así, sen decatarse, pero dos que non convén abusar, se non se quere perder a liña ou atrancar as neuronas con prexuicios, ideas parvas pronunciadas con solemnidade e gordos clichés de colesterol."
Unha lectura recomendable para unha tarde inverniza de fin de semana co nadal petando na porta, as superficies comerciais abertas, aínda que con pouca xente e na entrada dunha semana que se anuncia, non sei se con sangue, pero con suor e lágrimas seguro, tantas coma os catro millóns e pico de parados e outros tantos millóns de airados por ser os pagotes dunha crise que non crearon, mentres as diferenzas sociais entre os que teñen moito e os que teñen pouco faise cada vez máis grande, pero quizais o teñan merecido, quen lles mandou nacer traballadores. Se queren verse nun espello, volvan a Las uvas de la ira ou lean a serie de artigos que orixinarían esta magnífica novela, Los vagabundos de la cosecha, publicado por Los libros del asteroide e que comentei nunha entrada hai algún tempo.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP