Loading...
20.12.11

Olladas sutiles


Janosch é un autor alemán nacido nunha cidade de Silesia, actualmente pertencente a Polonia. É un autor no que a defensa da liberdade dos personaxes é unha constante ao longo da súa obra. Moitos dos seus protagonistas son viaxeiros empedernidos, nómades zíngaros. A vida deste grupo social interésalle de forma moi especial. Moitos críticos sitúan a Janosch dentro desa corriente antiautoritaria que o maio do 68 espertou na literatura infantil. As súas obras de máis éxito foron escritas na década dos setenta, e algunhas das anteriores, editadas  en España por editoriais como Lumen, non acadaron a difusión e o recoñecemento que merecerían. Agora, El jinete azul recupera "Historia de Valek, el caballo" e "Valek y Jarosch" en coidadas edicións.
Hoxe comento a primeira desas obras. Un dos personaxes é un cabalo que non ten unha orixe definida, o autor leva ao extremo o seu desapego ao dicir que nin siquera sabía se tiña nai. O outro personaxe é un soldado solitario ao que non lle gusta nada a súa profesión e que o que realmente querería é tombarse e soñar mirando o ceo.
A escritura é sinxela e poética ao tempo: "Entre sueño y sueño, Wanja Valeska envejeció", tan poéticos coma algunha situacións que describe o autor no pranto do violín, o único elemento capaaz de alterar a inercia dos acontecementos no dóo dos angustiados zíngaros pola morte de Wanja.
 Unha obra cargada de sensibilidade e na que o autor non xoga ao engano, nin a construír mundos fantasiosos. Ofrécenos unha visión singular do mundo, pero real, unha analoxía dos propios seres humanos representados a través dun cabalo tan humano coma os seres humanos.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP