Loading...
26.11.11

Banda deseñada para pequechos

Hai tres anos xurdía unha iniciativa editorial xenuína que se vai abrindo camiño pouco a pouco. Trátase dunha colección de banda deseñada para nenos, Mamut. Nas miñas librerías habituais, a pesar de que algunha delas ten unha especial preocupación pola BD, nunca vin os seus libros, pero unha recente viaxe permitiu descubrir unha parte importante do catálogo de Bang ediciones. Este proxecto editorial céntrase exclusivamente na BD e busca desde o ano 2008 achegar os cómics ao público infantil a partir de autores españois na súa meirande parte. O seu catálogo artéllase en tres series: +3, +6 e +9. Son libros coas esquinas redondeadas e unha encuadernación moi flexible. A serie para maiores de 3 anos ten ademais a capa dura.

Entre as novidades que se poden ver nos trinques das librerías, hai un título que me parece especialmente interesante, trátase de Batu 2, con guión e debuxos de Tute, humorista do prestixioso xornal La Nación de Buenos Aires onde publica unha tira diaria, ademais de realizar debuxos  para o suplemento dominical. Batu é unha recopilacións das tiras gráficas que desde o ano 2008 Tute publica nese xornal.
Como se pode adiviñar, trátase do segundo tomo das aventuras deste protagonista. Artelladas arredor de tres personaxes, Batu e Tútum por unha banda, e o personaxe invitado, curioso e singular, de Boris. Os tres realizan unhas viaxes maravillosas coa imaxinación (o medio de transporte máis barato anuncia Batu) e como unha forma de escape da sobreprotección materna, aínda que no caso de Boris sempre deba recurrir ao móbil para pedirlle permiso á súa nai antes de embarcarse nas aventuras.

Na serie +3 hai un volume interesante titulado "El zoo de Antón" do debuxante Juan Berrio, finalista no último Premio Nacional de Cómic con "Dentro de nada. 
Aínda que poida ser algo complexa para nenos moi pequenos, é unha historia ben artellada ben secuenciada e o suficientemente sinxela para ser seguida sen grandes dificultades polos pequenos lectores, aínda que non me atrevería a opinar sobre a idade aproximada de lectura. Sen dúbida haberá rapaces capaces de "ler" esta aventura chea de animais que enchen o cuarto do pequeno Antón. O libro cérrase coa calidez que deben ter todos os libros para os máis cativos, coa presenza aseguradora do adulto familiar  que ofrece a seguridade que os pequenos precisan. Dirixido a lectores máis novos que outra obra que comentei hai algún tempo, "Luís vai á praia", que tamén encerraba unha maxistral lección de secuenciación que deberían estudar e interiorizar os que queiran converterse en creadores de historias debuxadas para nenos.



0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP