Loading...
10.10.11

O outono anúnciase

O sol do verán resiste, agarda que os ventos do mar o empuxen cara ao sur e deixar que a bruma goberne os días. Pero os ventos andan coma o país, sumidos na desorientación, nun laissez faire terrible e improdutivo,asediados por unha inxustiza galopante. Así mentres uns marchan para casa cos petos cheos e o futuro asegurado, outros vense asfixiados por recortes que sempre cortan no mesmo punto e están socavando. A cultura é unha das damnificadas. Habería que reflexionar como pode verse tan recortada unha das industrias máis importantes de Galicia, que ten unha incidencia sobre o PIB galego superior ao da pesca, por exemplo.


De ter vivido nestes tempos, moitos autores como Jarrie, terían atopado os actuais Ubús, ou Prévert tería identificados os novos imperialismos e tería escrito máis dunha carta ás Illas Bailarinas. Pero coformémonos con repasar os seus textos, relendo a edición que Los libros del Zorro Rojo acaban de lanzar de "Cuentos para niños traviesos" baixo o novo título de "Cuentos para niños no tan buenos" e que contén as mesma ilustracións que a pintora Elsa Henríquez fixera no seu momento.
Zorro Rojo acaba de reeditar unha obra que hai algúns anos publicara Círculo de lectores, cando menos é a única edición que eu coñezo, dun libro de Nikolaus Heidelberg, que retarata os soños de nenos e nenas, cada un no seu volume. Lembro aquelas imaxes surrealistas dalgunhas páxinas. Un bo regalo, espcialmente para a vista deste magnífico ilustrador.
Acabo de botarlle un ollo a outro título da mesma editorial, dunha autora Estonia, Piret Raud. Non coñecía nada seu, nin siquera vía web,pero este libro, tan na liña da ilustración alemana, paréceme atractivo. en canto poida vou a por el e xa comentarei.

Acabo de ler "Un momento de descanso", Tusquets, febreiro 2011, unha novela de Antonio Orejudo da que me tiñan falado moi ben. O libro non me decepciona e fai que o lector estea como nun Shutter Islnd, sen saber canto hai de real e canto de ficción no libro. A narración está escrita cun ritmo desencadeado que non decae en ningún momento, salpicado por pasaxes dun humor esperpéntico. (Léase a pasaxe na que o protagonista vai aos sotos da Biblioteca Nacional coa becaria que lle amosa o manuscrito de Cantar de Mio Cid). A narración acompáñase de fotografías que ilustran, cal reportaxe de "investigación" "xornalística" (Non  erro, poño dobres comiñas porque a estas alturas xa non creo na investigación nin no xornalismo). Con estas ferramentas o autor crea a súa novela, pero creo que tamén artella a xúa crítica a moitos aspectos político-culturais da historia máis próxima.
Por certo, non quero deixar pasar a ocasión de amosar que o tipo de papel e a tipografía deste libro son unha beizón para os lectores que xa levamos algún tempo acusando unha presbicia acusada.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP