Loading...
31.10.11

Cando o pasado é presente

"Yo maldigo el río del tiempo" é unha novela que provocou grandes ilusións entre os que leran "Salir a robar caballos". O meu libreiro, do que me fío case sempre, ofreceuma como unha magnífica novela dun autor nórdico. Non o dubidei porque as últimas recomendacións foron acertadas: O Wakefield de Hawthorne, Purga de Oksanen, Un momento de descanso de Orejudo...
Nada máis rematar o libro de Antonio Orejudo, póñome á lectura. As primeiras páxinas son excelentes e conseguen crear un clima de lectura propicio para non cerrar o libro. Pero esa intensidade decae, e a cambio ofrecen algúns parágrafos magníficos, pero máis aillados. Despois aparece unha engaiolante relación nai-fillo que me fascina, cunha tensión magnificamente creada e, o que resulta máis difícil, mantida ao longo de todo o relato. Entre medias, algúns epiosodios da relación do protagonista coa súa muller, que creo que aportan pouco ao cerne da historia que se nos conta.
As situacións nas que os protagonistas son situados resultan sorprendentes. A nai que pasa a infancia dos seus fillos con medo a morrer dun cancro de pulmón e vai coller un cancro de estómago, e unicamente lamenta o tempo perdido, quizais debese ter seguido fumando, parece querer dicir.
A novela é a historia da incomunicación. Un fillo que non logra comunicarse coa nai, unha muller que non comunica co seu home, unhas fillas que aparecen moi no fondo da paisaxe humana e un vello amigo que o coñece todo da vida desa muller, pero que está lonxe e ao que recorre antes de afrontar o paso derradeiro.
Yo maldigo el río del tiempo - Per Petterson - Mondadori.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP