Loading...
27.7.11

¡ME ABURRRO!

A primeira impresión que se ten cando se abre o libro “Me aburro” de Marc Rosenthal (Faktoría K de libros) é que está ante un libro antigo. A impresión non é falsa, parece un clásico recuperado. Pero se pasas as follas e procuras os créditos, verás que se trata dun libro do século XXI. Se seguimos lendo, a topamos unha posible explicación na dedicatoria a Jean de Brunhoff, o creador de Babar. A estética semella debedora da do autor francés, e mesmo entre os personaxes deste torrente de historias, aparece un elefante.

A ilustración, eu case a calificaría de cómic sen temor a equivocarme, leva o peso da narración, e o texto é o contrapunto. Así, mentres a segunda insiste no aburrimento do protagonista e en que nunca pasa nada, ás súas costas, hai un torrente de situacións cómicas, coma se se tratase dunha película de cine mudo. Non hai detalle que perder de todo canto sucede. É esta a razón de que considere que este álbum podería considerarse un cómic. A lectura comeza xa desde o mesmo título, onde se desencadea (Nunca mellor dito o de desencadearse, pois é unha cadea de sucesos), e remata volvendo a unha situación paralela á inicial. A pesar de que este libro trae lembranzas de Bruhoff, ten unha técnica expresiva máis depurada e cada personaxe, cada situación son unha invitación a unha suxerente lectura de imaxes. Estamos ante un libro que non se acaba dun golpe de vista, que cada nova visión, traerá o descubrimento de detalles ignorados nas anteriores, un libro inacabable para os lectores. Fronte aos ilustradores que precisan encher as páxinas de cor, Rosenthal opta por poñer todo ao servizo da narración e facelo con economía de espazos aparente, e o resultado é un libro magnífico. 
O título orixinal, onomatopéico e con referencias ao mundo da banda deseñada, é "Phooey", transformouse na versión española en "Me aburro".

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP