Loading...
22.7.11

Lección de historia


A literatura é testemuño do seu tempo. As obras literarias amosan as ideas do momento en que foron escritas, deixan pegadas das opinións e críticas dos seus autores, converténdose en diálogos coa historia. Recentemente tiven a oportunidade de ler o primeiro tomo dunha triloxía debida a un autor que eu descoñecía. É desas veces en que un é aconsellado por un libreiro que le ou que escoita aos lectores. O seu título é "Los días contados" (Libros del Asteroide) e o seu autor, Miklos Banffy.
Castelo da familia Banffy en Transilvania
O autor naceu na cidade de Cluj Napoca, hoxe pertencente a Romanía grazas aos acordos posteriores á Guerra que se desenvolveu entre 1916 e 1920, que trouxo consigo a reunificación das tres rexións históricas do país (Valaquia, Transilvania e Moldavia, parte desta última pasou a formar parte a URSS despois da Segunda Guerra Mundial) A obra é un axuste de contas co tempo, o esfarelamento do imperio austro-húngaro e tamén coa aristocracia, clase á que el mesmo pertencía, e que foi enormemente egoísta e irresponsable (Isto retrátao moi ben o autor cando di que as sesións do parlamento debían programarse tendo en conta a tempada de caza). 
Escrito coma unha novela clásica do século XIX, aínda que se publicou en 1934, ten elementos variados: amores, amoríos, infidelidades, decadencias, frustracións, vilezas, etc. Se os bos libros teñen algo de intriga, algo de tensión amorosa, mesmo sexual, este ten todo iso e máis. O emprego preciso de substantivos, trasladado na tradución, a estrutura concibida de xeito que se van engadido elementos novos ás tramas, aínda que teña un bafo de fatalidade. As cousas seguen o seu curso e nada pode cambialo. Mesmo niso a novela é decimonónica, non hai lugar para a rebeldía e cando hai indicios da súa existencia son afogados pola realidade dunha norma social inmutable; canto socialmente inaceptable poida suceder debe manterse oculto, porque o oculto non existe (adulterios, enganos, estafas...). O autor adoptou un punto de vista que o fai estar o tempo dentro e fóra, e ofrécelle ao lector unha enorme riqueza narrativa, ás veces habilmente utilizada para situarnos nun lugar ou noutro dos acontecementos, mentre o narrador adopta unha postura aparentemente equidistante.
Ao longo de 666 páxinas non se concibe o aburrimento, e un sempre ten a necesidade de seguir unha páxina máis, un capítulo máis. 
Na crítica que publicou en El país Darío Jaramillo Agudelo apunta á todavía non resolta división do imperio que arrastra consecuencias ata hoxe. Recentemente tiven ocasión de escoitar como alguén se refería á realidade romanesa actual dicindo que era un pouco vergoñento que os deputados da minoría húngara a penas eran quen de desenvolver intervencións no parlamento na lingua do país. E veume á cabeza un parágrafo do libro no que a acusación era a mesma pero ao revés. Eran os húngaros quen dicían o mesmo da incapacidade dos deputados transilvanos para intervir en húngaro. O certo é que Banffy construíu un alter ego seu no protagonista do libro, Balint Abady. Banffy ocupou importantes cargos políticos e diplomáticos, o que lle dá un plus de fidelidade, aínda que non de obxectividade. Parece ser que este autor foi ignorado durante o rexime comunista, pero segue a selo no seu propio país por ser húngaro e escribir na lingua húngara.

Para coñecer ben ao autor, recomendo a lectura do apartado que a páxina literatura húngara lle adica e que contén bastante información.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP