Loading...
8.4.11

Innocenti en Compostela


A conferencia de Roberto Innocenti, a algúns sóubonos a pouco. O director de Kalandraka editora manifestou que este ano esperan poñer á venda o Conto de Nadal de Dickens coa ilustración de Innocenti. E non sería esta a única nova que nos deixarían caer. Despois dunha contida presentación de Federico Martín que desfiou unha parte da obra do ilustrador italiano e louvou a súa sabedoría ao encomendar a escritura aos que si saben facela. Mencionou a Etienne Delessert como a persoa que se atreveu a facer aquela colección Rato Pérez na que fixo unha magnífica versión da Cincenta, ambientada na Inglaterra dos anos vinte.
Facendo alusións reiteradas ao cinema, Innocenti defendeu que o ilustrador debe facer a súa lectura das historias que recibe para ilustrar.Con abundantes referencias ao cinema, mencionaou algunhas das circunstancias que inflúen no achegamento que o ilustrador fai ao texto. Recoñeceu nas súas imaxes a pegada da súa Toscana natal no tempo da súa infancia e aínda que os espazos son imaxinados, as arquitecturas son claramente toscanas. No Pinocho recoñeceu que non quixo afastarse das imaxes decimonónicas do personaxe.
Innocenti afirmou que non se pode tratar aos nenos coma se fosen estúpidos. Finalmente, destacou que os seus editores non son grandes multinacionais, senón pequenos editores que gozan co traballo de facer libros e que se empeñan en facer bos libros e tratalos con primor.
Federico Martín desvelou que o novo proxecto no que estaba a traballar o ilustrador italiano era unha Carapuchiña Vermella. E Xosé Ballesteros, xa metidos, dixo que ían publicar ese novo libro. Innocenti manifestou que a Carapuchiña estaría ambientada nun barrio periférico de Florencia, un lugar onde vive a xente, no que se desenvolve a vida das persoas da cidade, fronte aos centros ocupados polas oficinas, pero sen alma. Finalmente descubriu tamén que o lobo estaría encarnado por un motociclista.
Hoxe, Xornal de Galicia e La voz de Galicia ecollen a súa presenza en Compostela e publican entrevistas súas.



1 comentarios:

 
TOP