Loading...
26.3.11

Valentín Arias tamén se nos foi

As edicións electrónicas dos xornais recollen a mala nova do falecemento do escritor e tradutor Valentín Arias. A literatura publicada en galego, a infantil e xuvenil especialmente, alomenos nos primeiros anos de andaina, débelle algo a Valentín Arias. A el debémoslle a posibilidade de ler moitos libros na nosa lingua, libros que el soubo trasladar desde o francés ao galego con léxico coidado e exquisitez en moitos casos. Promotor da lingua galega durante os anos setenta e oitenta, centrou os seus esforzos en difundila entre os ensinantes mediante a creación de materiais didácticos na editorial Galaxia, da que foi xerente, e lingüísticos como o Prontuario ortográfico da lingua galega publicado a principios do anos noventa.
 
Consciente da importancia que podía ter para a normalización da lingua a presenza dos grandes clásicos da literatura xuvenil, centrouse na súa tradución, e froito do seu traballo son a magnífica versión d'O pirata Kernok realizada para Edicións do Cumio, o mesmo que O silencio do mar e outras narracións, ou A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Mondo e outras historias (Xerais) de Le Clezio, publicada inicialmente na colección Xabarín e actualmente na de Narrativa . A primeira versión en galego dos Contos ao teléfono (Juventud) e Contos escritos a máquina de Gianni Rodari foi realizada por el. Así como algúns dos libros da colección Rato Pérez (Eds. Xerais), o Tintín ou as Memorias dunha vaca (SM), de Bernardo Atxaga. 
 
Sabedor da necesidade de organizar aos tradutores para facelos visibles e defender a súa dignidade profesional, fundou a Asociación de Tradutores Galegos cun pequeno grupo de autores e foi o seu presidente

Ao longo da súa vida recibiu moitos premios, entre eles o Nacional de tradución.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP