Loading...
12.3.11

Transmitir as emocións

Ás veces un le historias que disfruta e goza co sentido estético, cunha boa trama, unha boa estrutura ou unha boa resolución nunha historia que semella non ter unha doada finalización. Pero outras, sucede que a forza dos personaxes ou as emocións coa que se escribe vence todas as dificultades e conmoven ao lector. Hai uns anos sucedeume iso cun libro de Fina Casalderrey titulado O estanque dos parrulos pobres e agora volveume a suceder con Mal de pedra, unha novela da autora italiana, pouco coñecida por aquí, Milena Agus.
A súa escrita sinxela non pode agachar unha intensidade narrativa que se mantén ao longo de toda a novela. A narración transcorre entre o presente e o periodo brutal das postguerra na Sardeña, no seo dunha familia labrega. Os personaxes debátense entre a procura do amor e unha fatalidade que nunca chega a consumarse, aínda que está presente ao longo da narración. Os personaxes amosan unha gran forza e mesmo na inacción, un gran poder de atracción. Personaxes que asumen o seu papel cunha gran naturalidade. O máis sorprendente, o final.
A tenrura con que se trata a todos os personaxes (Lémbrame moito o tratamento que Castelao dou aos protagonistas d'Os dous de sempre) e a intensidade emocional que transpira a narración levan a pensar se non haberá unha importante componente autobiográfica. Resulta difícil crer que se poida aportar tanto a partir simplemente da imaxinación. Sábese cando se colle o libro, pero non cando se vai soltar, porque a historia engancha e leva ao lector a situarse emocionalmente ante o entramado de historias  que nos levan duns personaxes a outros e dunha xeración a outra. 
As miñas referencias sobre esta autora redúcense a unha decidida recomendación que lin no cultural do ABC hai unhas semanas. Para sorpresa miña, entereime ao pouco tempo de que Faktoría K preparaba a edición en galego. En dúas sentadas nun avión remateino sen que ningunha turbulencia atmosférica me distraese da súa lectura. Iso quere dicir algo, non?
Mal de pedra
Milena Agus
Tradución de Carlos Acevedo
Faktoría K de libros. Col. Narrativa

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP