Loading...
23.3.11

Memorias do conto

La 2 vén ofrecendo unha programación moi interesante no eido cultural, non sempre sensible á variedade cultural e lingüística de España. Pero programas como Los imprescindibles cumpren unha importante función de divulgación da cultura e das persoas que a protagonizan. Máis excepcional resulta que un programa se adique ás creacións populares e teña en conta a diversidade, acostumados como estamos a que non se faga.

O pasado venres os espectadores puidemos ver como a televisión pública adicaba un espazo importante na grella da programación, nun bo horario, a un documental sobre a literatura de transmisión oral, sobre o conto. O seu título era "La memoria de los cuentos" e estaba producido pola sociedade estatal para as conmemoracións culturais e, sobre unha idea de Beatriz Rodríguez Delgado e un guión de Antonio R. Almodóvar, fixo un percorrido polas orixes e as funcións do conto.
Pero o programa do día 18 de marzo, tivo altura polos personaxes que seleccionaron para estar presentes, algúns coñecidos como Antonio Rodríguez Almodóvar, incansable divulgador da tradición en castelán na serie de Cuentos de la media lunita; Antonio Reigosa, autor con X. Miranda da serie de contos que Edicións Xerais publicou na colección Cabalo buligán; ou José Manuel de Prada, recopilador leonés; José María Merino; ou Joaquín Díaz, recompilador, músico, conservador, investigador e incansable divulgador de todas as tradicións castelás agora desde o seu museo da vila vallisoletana de Urueña e antes en centos de escenarios cantando os romances do romanceiro vello. Pero sería imperdonable que esquecesen aos verdadeiros protagonistas, os contacontos, daquela non lles chamarían así, que almacenaron a tradición que recibiron dos seus pais e dos seus avós: Ángel Rivas desde a aldea de Eirexúa, Juliana Hernández (Descargamaría - cáceres), Curro Castro (Tahivilla - Cádiz), Nicolau Huguet, Esperanza Barber (Es Migjorn Gran - Menorca), Juana Rodríguez (Prioro - León) e Benigna Lasuen (Aulesti - Biscaia) , neta de  María Martina Maruri, unha das informantes de Resurrección María de Azkue, o gran recompilador dos contos populares bascos.
Escoitar como Consolación Soriano, de Iniesta (Cuenca) relata coma ela o recibiu dos seus maiores o conto de La mierlita.
Por fortuna, o servizo de televisión a la carta ofrécenos a oportunidade de volver a velo ou velo por primeira vez a aqueles que o perderon. Claro que isto non lle gusta a todo o mundo e hai quen ataca furibundamente a orixe deste documental e cuestiona o cómo.
Só un pero... Por que cortar os títulos de crédito para facer autopublicidade?

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP