Loading...
27.11.10

Fin de semana no Culturgal



Despois dun ano de desaparición por causas políticas, esta fin de semana reaparece o Culturgal. Entre as novidades máis interesantes ao meu modo de ver están as presentacións de proxectos que, segundo me contan, son do máis novidoso que se fixo este ano. Falo por exemplo de Pesdelán, que se achega a Pontevedra cun obradoiro de música, baile e canto. Este libro-DVD-Cd está conformado polos textos de Mercedes Prieto e Montse Rivera, as ilustracións de Joâo Vaz de Carvalho e  editado por Kalandraka. Segundo recolle o blog de Kalandraka:


O repertorio abarca temas tradicionais galegos e portugueses, con arranxos orixinais e divertidos. Pesdelán (Uxía Cribeiro, Mercedes Prieto, Montse Rivera, Xan Pampín, Carlos Freire, Miguel Flores, Amando Gottardi) xorde en 2008 da unión de prestixiosos músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Leilía, Susana Seivane Grupo, Xochilmica, Montelunai, Pula-lle-o-pe)
Pola súa banda, Faktoría K realizará unha presentación da súa colección Animais Extraordinarios e contará co ilustrador Nicolás Fernández e o Xulio Gutiérrez, autor do texto e responsable científico da colección.
Xerais contará, ademais de coa presenza obrigada de Manuel Rivas, Diego Ameixeiras (o seu asasinato no Consello Nacional está sendo un acontecemento, unha descarga de morbo semellante á que producía en moitos os libros de Otilia Seijas anos ha) ou de Iolanda Zúñiga, última gañadora do Premio Xerais (A estas horas as súas Periferias xa foron presentadas), con Fina Casalderrey, Elena Gallego e o seu Dragal (Se todos os libros de Marcos Calveiro teñen blog, o último dragón galego ten a súa propia web) ou Marcos Calveiro, que abandona os samurais por unhas horas e presentará O pintor do sombreiro de malvas, Premio Lazarillo, e a novela Settecento.

Con Galaxia, estarán Mamacabra presentando o seu novo libro-disco, "Ola, ola, la". Ademais do disco, os nenos terán un conto de Gloria Sánchez ilustrado por Kristina Sabaito, que a primeira vista lémbranos moito o estilo de Óscar Villán.

Outra presenza interesante é ao cineasta Óliver Laxe, director da premiada Todos vós sodes capitáns que participara con outros cineastas nunha sesión o sábado pola mañá sobre "o novo cinema galego", que parece ser vai contar tamén coa presenza do crítico Martin Pawley. A presentación dos Contos no camiño unha serie de animacións realizada grazas a unha decisión in extremis da Consellería de Industria do anterior goberno da Xunta tamén vai estar neste Culturgal presentando as súas animacións en Stop-motion.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP