Loading...
16.11.10

As novas formas de ler


Con motivo da celebración de FICOD (Foro Dixital de Contidos Dixitais) en Madrid, a editorial Galaxia, Perro Verde Films e Milrayas, empresa encargada de realizar os traballos de programación,  presentan as primeiras realizacións para Ipad e Iphone, a táboa electrónica e a PDA de Apple respectivamente. Trátase das adaptacións para estes medios de cinco contos da coleción Os duros de Árbore. O acto terá lugar na tarde do mércores segundo informacións da feira. Son cinco os títulos que se elixiron para comercializar con este novo formato, aínda que mañá só se vai presentar Puag, que noxo, de Fina Casalderrey e Xan López Domínguez.
De xeito inmediato anúnciase tamén a saída doutros catro títulos, Conto para non comer de Oli e Andrés Meixide, Voces na lagoa do espantallo amigo de Xan López Domínguez, Quen son? de Alicia Borrás e Andrés Meixide, e Un can no piso de Fina Casalderrey e Xan López Domínguez.
Segundo recolle a nota que Galaxia colgou na súa web:
"o usuario vai acceder a unha experiencia interactiva que lle permitirá ler os contos, escoitar as locucións (feita por profesionais do mundo da dobraxe galega) en tres linguas, ou gravar as súas propias para personalizar absolutamente o conto. Deste xeito, cada libro é unha experiencia persoal, con zonas táctiles, efectos de son e animacións".
Durante un tempo, poderá descargarse de xeito gratuíto a primeira aplicación e posteriormente haberá que acceder a Contoplanet na Applestore para poder descargar o resto dos títulos 

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP