Loading...
27.9.10

Un conto de verdade

Hai libros que  son mentira, que se valen de argucias para construír unha historia resultona, pero que ao final non conseguen máis que crear un mundo falseado e incoherente coa construción narrativa. Outros son o envés da folla e aínda que pareza que van derivar por sendas fantasiosas, non o fan.
El monstruo que se comió la oscuridad é dun deses libros que teñen formato álbum ilustrado e unha extensión pouco frecuente, alomenos entre nós.
A lectura das imaxes lévanos desde a amplitude do espazo ata reducilo aos pequenos detalles unha vez que estamos situados para atopar o protagonista. Despois o tratamento gráfico vai desde o uso frecuente das viñetas ata o corte dos obxectos para contar o que sucede no seu interior. Emprega artificios imposibles, pero necesarios para que o punto de vista que adopta sexa efectivo (un exemplo  é a visión desde o interior dunha caixa na que o ollo que se aproxima ao burato desde o que olla o interior oscuro aparece iluminado). A teor do que se recolle nos créditos existe adaptación gráfica, pero non sabemos precisar en que consiste. Aínda que comecei por falar da ilustración de Jimmy Liao, iso non quere dicir que a narración literaria de Joyce dunbar sexa secundaria. A precisión narrativa mantén a atención do lector e cando parece que xa nada vai suceder, rexurde a tensión ao levarnos ao inicio da historia. Por outra banda hai unha boa resolución, que non reside exclusivamente na tenrura que envolve a atmósfera dos personaxes, senón tamén na negación da fantasiosidade e na adopción dun final que nos traslada ao mundo real novamente.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP