Loading...
14.8.10

O señor SI e o señor NON

As descubertas sempre teñen un momento para a emoción e outro para a reflexión.
Entrar nunha librería a ver libros nunha lingua que descoñeces ten o seu aquel, por iso o da emoción. Pero despois un ten que pararse a pensar sobre se paga a pena o que estás a ver. Máis cando se trata dun país en que todo vale un ollo e medio da cara. Foi nunha librería de Stavanger cunha boa selección de libros infantís (Aclaración, dígoo porque había unha selección de libros traducidos onde abundaban os que eu considero indiscutibles). Moito Garman (tres títulos diferentes. Aquí creo que temos dous) e unha autora, despois puiden confirmalo en internet, que me pareceu interesante. A ilustración destacaba sobre o resto dos autores nórdicos que había nos andeis. Chámase Kari Stai e no que alí tiñan chamoume un libro titulado Jakob og Neikob. Púxenme a buscar información e case toda aparecía en Noruego. Recurro ao tradutor de Google, non me fío porque como di o libro de Henrique Harguindey, os tradutores automáticos case sempre xogan con un. Peneirando a información, resulta que está na lista de honra do Ibby do 2010 por este libro e que ten algúns máis publicados. Jakob og Neikob é unha historia de opostos, Jakob sempre di si e Neikob sempre di non. De aí que os nomes teñan o ja(si) e o nei(non). Así que cando Jakob quere que Neikob acepte unha proposición súa debe recurrir a inxeniosos xogos lingüísiticos. Esa oposición tamén se reflexa na ilustración a través das cores de cada un dos personaxes, os sombreiros e outros complementos de vestiario.

1 comentarios:

  1. este post gustarame especialmente, é especial imaxinar o que contas, ás veces a min tenme pasado mesmo en Euskadi con libros dos que non entendo papa pero que me gustan moito, xa vai pasando o verán, calurosísimo e no Brasil están de noraboa, agora sería tm interesante que algunha arxentina ou doutro país se animara a publicar por aquí, boa rentrée!

    ResponderEliminar

 
TOP