Loading...
28.8.10

Novas e vellas lecturas

James Thurber era un autor descoñecido ata queme enterei que A verdadeira historia de Walter Mitty era súa. Por recomendación dun libreiro acabo de ler Os trece reloxos, publicado por El ático de los libros, unha editorial nova á que hai que prestarlle atención, cun fondo aínda pequeno pero interesante. A verdade é que a narración non me deixou pegada, a pesar de que a introdución que Neil Gaiman fai del é moi eloxiosa. Non sentiu a emoción que outras lecturas de tema semellante me provocaron e que esta provocou noutros lectores. Non sei se se debeu ao momento, á tradución (Estou tentado a lelo en inglés, aínda que me pode levar tempo) ou que realmente estou pensando en moitos dos contos rusos de Afanasiev e non resiste a comparanza. Prometo volver a lelo por se o meu xuízo está alterado temporalmente.



Releo O carteiro de Bagdad. Marcos Calveiro é un autor que me interesa porque se achega ao lector cun plantexamento diferente do que se percibe noutros autores. Non esquece que en toda narración hai que mesturar elementos que inviten a pasar á folla seguinte cunha construción sintáctica e narrativa coidadas. Nel atopo a emoción onde noutros a penas vexo algo máis que técnica construtiva. Hai unha semanas merquei O canto dos peixes e hai dous días Rinocerontes e quimeras, que me costou bastante atopalo (Non era a primeira vez que preguntaba por el).


0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP