Loading...
28.8.10

Karmelo Iribarren

Un dos libros que El jinete azul vén de editar na súa primeira tanda é un libro de poemas de Karmelo Iribarren. O feito de que unha nova editorial decida saír cun libro de poesía para nenos é unha declaración de intencións e que dos sete que publica só un o sexa, é un recoñecemento de como está a lectura de poesía nas Españas.
Nesa busca de camiños creativos dos poetas novos que eu creo ver, hai obras que teñen o valor de ser parte do percorrido que ñe necesario facer para chegar ás obras que van permanecer. Versos que el viento arrastra sen embargo é unha magnífica demostración de que hai autores que xa atoparon a súa senda. Aínda hai quen pensa que a poesía infantil se constrúe exclusivamente de ritmo e rima. Mesmo nas escolas, moitos nenos (eles saben ler moi ben entre liñas) perciben o pouco valor que os mediadores lle conceden a certo tipo de poesía que, coma este, aposta pola evocación, a imaxe poética e a percepción desde unha óptica distinta do mundo para construír unha mensaxe comunicativa artellada arredor duns versos breves, construídos sobre a base das palabras precisas e cerrados con contundencia.
Los libros
no son para mirarlos,
son para tocarlos,
abrirlos
y leerlos...
Certamente, o libro invita a abrilo, a tocalo e a lelo. Quizais haxe quen critique o formato cadrado, pero a ilustración de Cristina Müller tamén precisa os espazos en branco. Magníficas traducións á imaxe dos poemas, ás veces lecturas dos poemas. Outras, invitacións aos lectores a crear, a traducir as mensaxes gráficas un tanto enigmáticas.
Os primeiros poemas son olladas sobre o cotián, outra forma de ollar as cousas insignificantes. Os últimos, evocacións da poesía oriental.

El hotel
reflejado
en el río.

Los peces
cruzando
por los pasillos

Nestes versos atopei achados magníficos, suxerentes, sorprendentes...Por iso non me importa que ao final, un gato negro dobra a última páxina e leva a noite e a poesía.

2 comentarios:

  1. que ben que fales desde libro, aínda o descubrín hoxe polo facebuk,
    que poeta tan interesante, como me gusta a min: poesía pensamento ou breve reflexión cuasi doméstica en voz escrita.

    ResponderEliminar
  2. Nunca lera nada de Iribarren, pero penso buscar os seus libros porque este pareceume moi ben construído e rematado.

    ResponderEliminar

 
TOP