Loading...
10.7.10

Steinbeck no camiño




Sen que o guionista o oculte, en Todo el povo del camino (guión de Wander Antunes e debuxo de Jaime Martín. Norma editorial), está a realidade dunha crise que arruinou a vida de moitas familias nos EE. UU. e outros países. Unha crise que recolleron as novelas de John Steinbeck: De ratos e de homes, edición en galego en Galaxia, ou Las uvas de la ira coa inesquecible interpretación de Henry Fonda na versión cinematográfica dirixida por John Ford en 1940.


No ano 2010, con outra crise que non ten nos países europeos ou nos Estado Unidos os efectos devastadores que tivo o crack do 29, pero que si supón un forte incremento da fame nos países menos desenvolvidos de África ou Haití, onde centos de miles de persoas aínda non teñen un teito baixo o que protexerse na temporada de furacáns que está a punto de comezar, publicouse este cómic que repasa os efectos daquela crise económica que impulsou a moitos agricultores sen terras por causa dos embargos bancarios a trasladarse a outros lugares nos que conseguir un traballo. Foi precisamente a información que Steinbeck recolleu para redactar sete reportaxes sobre esa inmigración a California para o San Francisco News o que daría lugar poucos anos máis tarde á escritura d'As uvas da ira. Estas reportaxes poden lerse nun volume titulado Los vagabundos de la cosecha, Libros del Asteroide.
E dicía que algo hai de Steinbeck no guión, a estructura da historia e os elementos que van aparecendo de xeito lento pero continuo e que manteñen a atención do lector. Pero esta obra está lonxe de ter un final redondo coma os do premio Nobel americano. Entendo que ese é o punto débil porque graficamente, o traballo está ben resolto e mesmo hai planos que son moi interesantes desde o punto de vista case cinematográfico, algúns fóra de plano... Un estilo que está próximo aos gustos dunha cantidade grande de lectores non especificamente de cómic.
Tanto o guión coma o debuxo non dulcifican a dureza que ten o relato en si pero tampouco se recrean innecesariamente nos detalles máis violentos, escabrosos e desagradables, e iso é de agradecer

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP