Loading...
19.7.10

Iniciativas diversas e dispersas?


A crise económica e a falla de axudas á tradución á que somete a Consellería de cultura ás editoras, parece que obriga a extremar o enxeño para manter vivos proxectos que doutro xeito dificilmente terían nacido nestes momentos. Levo lidos dous libros que se publicaron ao abeiro de Rinoceronte , unha editorial que conseguiu conformar un selo con prestixio onde se combinan novelas de éxito como O curioso incidente do can á media noite, con outras de difusión máis minoritaria. Un é un libro de poemas do poeta Santiago Freire que leva o título de Martingadas, poemas para nenos, un tanto irregulares, pero entre os que hai algúns que me sorprenderon porque constitúen unha busca intelixente de poesía que rompa co concepto clasicista que amosa a meirande parte da poesía infantil galega. Espero que Santiago Freire prosiga percorrendo os camiños poéticos e insista na experimentación formal e no tratamento de temas coma o amor, tan frecuente na vida dos nenos e tan pouco recollido na literatura que se escrebe para eles.



Ñam, ñam
adento unha mazá
-que rica está-
e de repente,
-esquivando
os meus dentes-
asoma a cabeza
un verme
que me pregunta:
Viñeches verme?

O outro, unha narración de Helena Villar con ilustracións de Carme Queralt, que conta a historia dunha nena que vive cos seus pais e o seu avó no Cebreiro e debe pasar o seu aniversario sen o regalo que tanto desexaba porque unha nevarada non lles permite ir recoller o ordenador portátil que tanto desexaba.

2 comentarios:

  1. Ola, navegando pola rede atopei esta breve recesión de Martingadas. Quedei encantado. Eu tamén considero que é bastante irregular, pero que lle imos facer. Quizais o próximo, se chega. Eu bótolle de menos uns debuxos. O libro naceu dunha idea do editor. Eu simplemente me sentei a escribir. Gustoume moito o teu blog. Delicioso.

    Santiago Freire

    ResponderEliminar
  2. Lin o teu comentario antes de marchar uns dís fóra e non tiven tempo de contestalo, pero agora si.
    Alégrome de que nos teñamos atopado neste espazo virtual e de verdade espero que insistas en buscar novas formas de expresar a poesía. Estou de acordo contigo en que o libro quería algo máis, non só os debuxos, pero supoño que as limitacións existen e que ás veces non se poden facer as cousas doutro xeito.

    ResponderEliminar

 
TOP