Loading...
10.2.10

En galego, tamén para o mundo

Acabo de ler a noticia de que dous autores en galego de literatura infantil acaban de entrar no canon que 19 expertos elaboraron para o "I Congreso Iberoamericano de literatura infantil y juvenil" organizado pola Fundación SM. Son estes dous, pero podería ser algún outro. Trátase de Agustín Fernández Paz e de Xabier Docampo. As obras que consideraron que merecían tal tratamento son os Contos por palabras e Cando petan na porta pola noite, ambas as dúas publicadas por Xerais na colección Merlín.
Se hai momentos oportunos para que se conceda unha mención deste tipo a dúas obras escritas orixinariamente en galego, é este. Despois das pouco intelixentes declaracións do máximo responsable da política cultural deste país e da carta asinada polos 11 escritores galegos que recibiron premios nacionais en resposta ás súas palabras.
Creo que habería que facer xustiza a un feito que tantas veces se denigrou cal é o de que ambos son mestres e que foi o seu compromiso pedagóxico no Movemento Cooperativo da Escola Popular e Nova Escola Galega e cultural como militantes da lingua na que escriben o que os levou á literatura infantil. Desde aquel Misterio das badaladas que publicara Vía Láctea, hoxe desaparecida, prodigaron máis Fernández Paz que Docampo, as súas publicacións. Os Contos por palabras reflexan o interese de Fernández Paz polos mecanismos que levan á construír unha historia, nos últimos anos variou sensiblemente e engadiu a iso unha maior preocupación polas estructuras e outros estilos que o levaron a prodigarse máis na novela xuvenil. Desde Cartas de inverno, houbo libros que sen chegar a ser redondos, contiñan páxinas magníficas. Xabier Docampo sempre foi un autor que fixo menos concesións aos lectores infantís, ata o punto que un consideraría perfectamente posible que Cando petan na porta pola noite se publicase en calquera colección de narrativa da chamada para adultos. De feito, agora está publicada na colección Fóra de xogo, o selo xuvenil de Xerais.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
TOP